AtlanTTic abre as súas portas para achegar a ciencia á cidadanía este venres 26 de novembro

Xornadas de portas abertas realizada no 2019

Publicidad

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, recupera este ano o formato presencial da súa Xornada de Portas Abertas, que terá lugar mañá venres 26 de novembro. A xornada está enmarcada no programa Divulgando Ciencia Singular da UVigo, e celebrarase en horario de 16.00 a 19.00 horas e está aberta ao público xeral.

atlanTTic é un centro de investigación punteiro composto por máis de 170 profesionais distribuídos en 11 grupos de investigación que desenvolven coñecemento no campo da privacidade e a seguridade, as tecnoloxías multimedia, as redes de datos, os e-servizos, a bioenxeñaría, o radar, as comunicacións por satélite e, en xeral, as comunicacións radio e ópticas.

Xornada de Portas de Abertas

Baixo o lema "Conectando con atlanTTic", as persoas visitantes poderán achegarse ao traballo dos máis de 170 profesionais que forman parte deste centro de excelencia investigadora e aos retos no ámbito das tecnoloxías da telecomunicación nos que traballa o equipo deste centro, con proxección máis alá das nosas fronteiras.

Durante a xornada de mañá, o centro ofrecerá espazos para compartir co público os seus proxectos máis novidosos e algúns resultados das súas últimas investigacións en curso co fin de achegar a ciencia aos cidadáns pero tamén esperar vocacións entre os máis pequenos. A través de obradoiros, demostracións prácticas e visitas, poderán pórse ao día nos últimos avances en 5G, nanosatélites, comunicacións ópticas, saúde dixital ou intelixencia artificial. Tamén está previsto que o público poda gozar de visitas guiadas a algúns das súas infraestruturas, como laboratorio de seguimento de satélites, ou as cámaras anecoicas do laboratorio de acústica e do laboratorio de medidas radioeléctricas.

Para participar na xornada require inscrición previa xa que aforamento é limitado. As persoas interesadas poden anotarse na propia web de atlanTTic (premer aquí).

Esta actividade está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia a través do Programa de Axudas para a acreditación, estruturación e mellora dos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Salir de la versión móvil