Segismundo Toxicómano, Nao, Boikot e Dakidarría súmanse á programación da XVII edición do SonRías Baixas, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de agosto en Bueu. Ademais destas catro bandas, a organización do festival xa anunciara previamente a La Pegatina e la M.O.D.A, dous dos grupos da escena alternativa máis destacadas do estado; Muyayo Rif, unha das propostas máis vitalistas e sorprendentes da escena catalá; aos valencianos Periferia Norte, capitaneados pola poderosa JazzWoman; á mítica banda bilbaína de pop-rock en euskera Zea Mays e aos valencianos Zoo.
Tras celebrar o seu XV aniversario en novembro ante 2.500 persoas e con máis de 40 colaboracións, Dakidarría regresa a Bueu coa súa mensaxe rebelde e de loita, que ás veces nos transmite a rabia contra as inxustizas e ás veces o bo rollo máis sincero.
Nos máis de quince anos de traxectoria de Dakidarría a súa música tenos convertido nun nome esencial da música galega, pero non só iso. Sen abandonar a súa identidade e a súa visión do mundo, estes sete músicos do Val Miñor percorreron xa toda a península, parte de Europa e ata México.
Boikot continúa reiventando o rock urbano e o punk dos seus inicios para pasar a unha fórmula propia que inclúe tamén o ska, os sons latinos ou o espírito da festa balcánica. Nos últimos tempos, veñen compartindo o seu novo material a través de videosingles como a citada “Lloraré”, “Jarama” ou “Hablarán las calles”, cancións nas que apuntan a súa tremenda versatilidade: o mesmo se achegan ao folk que introducen elementos rapeados ou mestizaxe.
Ademais, esta traxectoria levounos a colaborar con xente como Los Chikos del Maíz, Zoo, Amparanoia, Reincidentes ou SKA-P, noutra mostra da súa falta de prexuízos.
Pola súa parte, Segismundo Toxicómano achegaralle ao público do festival o seu hardcore punk con contundencia e velocidade facendo gala do seu lema: “Somos los Segis y vamos al puto lío”. Tamén o fará Nao, que se despide dos escenarios nesta á que chaman "a derradeira xira" e ofrecerá no SonRías Baixas unha das últimas oportunidades para velos en acción.
As entradas para o SonRías Baixas, cuxo festival se pechará ao longo das próximas semanas, están á venda na web sonriasbaixas.info cun prezo especial e limitado de 31 € máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.