Despois dun ano moi difícil para a música en directo, as bandas galegas de metal comezan a retomar á súa actividade. Este 30 de xaneiro será o turno de Broa e Dioivo, dúas bandas que empregan a lingua galega para as súas letras, na Sala Rebullón, ubicada en Tameiga, Mos. Tratarase dun concerto con todas as medidas de seguridade e aforo limitado, para poder desfrutar dunha boa sesión de metal adaptada á situación actual.
Dende Cerceda, Broa trae o seu primeiro álbum, titulado Cucú. Porén, non son novos na escena, xa que os seus membros proceden de bandas tan asentadas no panorama coma Ruxe Ruxe ou Machina. En 2020 resultaron premiados na categoría de metal dos Premios Martín Códax da Música impulsados pola asociación Músicas ao Vivo.
Por outra banda, Dioivo, que con case cinco anos de existencia xa conta cun álbum e un EP ás súas costas, aproveitará a ocasión para dar un adianto do que axiña será parte do seu novo disco, Dioivo III. Esta nova gravación do dúo vigués vai ser publicada pola discográfica malegueña Darkwoods, especializada en metal.