Broken Peach porá a música á I Festa da Diversidade LGTBIQ+ de Moaña

Publicidad

Normalizar e celebrar a diversidade. Con esta premisa, as concellerías de Igualdade, Mocidade e Turismo do Concello de Moaña organizarán na primeira fin de semana de xuño a I Festa da Diversidade do municipio. O propio cartel do evento pretende unir todas as identidades facendo unha metáfora na que se da a entender que todos somos persoas, sen máis, independentemente do noso xénero, sexo biolóxico ou identidade sexual.


Pódeche interesar: Así será a festa do Orgullo "Agrogay" de Tomiño


A cita, que nace despois de que diversos colectivos e veciños solicitaran maior visibilidade da loita pola tolerancia e a liberdade do colectivo LGTBIQ+, contará cunha programación divida en dúas xornadas.

A partir das 20:30 horas do venres 1 de xuño, terán lugar os actos institucionais. Na Praza do Concello instalarase o “banco da diversidade” pintado coas cores do arco da vella –símbolo do movemento– e que incluirá tamén referencias ao movemento transexual e a súa iconografía de cores azuis e rosas. Aos pes, unha placa lembrará que “a riqueza dunha sociedade está na diversidade”.

A xornada continuará coa danza contemporánea de Xiana Vilas e Isabel Sánchez, da compañía CISMA e o seu espectáculo “Entre nanas e cascallos”.

Xa o sábado, 2 de xuño, será o día gran de da festa trasladándose ao Parque da Xunqueira. Alí, a Compañía de teatro Moito Morro será a encargada de inaugurar os festexos ás 20:00 horas con “Impro-diversa”, espectáculo creado ad hoc para o evento, cargado de improvisación e comedia.

Ás 22:00 horas chegará a cita co grupo vigués Broken Peach. A formación, que puxo a música aos acendidos de Nadal de Vigo e a Torre Picasso de Madrid, ou ás festas de San Telmo de Tui, está integrado por catro mulleres vocalistas e tres músicos á batería, baixo, guitarra e piano. Na Festa da Diversidade achegarán ao público versións dos anos 70, 80 e 90 até a actualidade, nun concerto pensado para todas as idades e para desfrutar bailando. O grupo vén de estrear o seu último videoclip no que versionan a Beyoncé e o seu "Crazy in Love".

Os seus directos caracterízanse por unha coidada estética tan elegante como extravagante que sitúan ao espectador en diferentes épocas e ambientes. Amais o seu eclecticismo musical vai do soul hasta el rock, pasando polo gospel, funk ou o pop.

Tras o concerto, ás 23:45 horas será a quenda dunha performance da Drag Queen Angélica Naia para dar paso á unha sesión do DJ Adrián Rios dende as 0:30 horas.

Salir de la versión móvil