Cangas será a capital da cultura galega esta fin de semana

Publicidad

O auditorio do Concello de Cangas acollerá este sábado, 16 de decembro, a celebración da Gala Ano Patrimonio, iniciativa impulsada este 2017 pola Deputación de Pontevedra despois do “Ano Castelao” do 2016. A cerimonia, que arrancará ás 20:00 horas, porá fin a un ano de actividades nos concellos da provincia en torno á difusión cultural de Galicia. Contará coa presenza e actuacións de Xurxo Souto, Rebeca Santos e Compañía, Pelepau, Regueifeir@s, Teatro de Ningures, Xosé M. Budiño, Mercedes Peón e a Polifónica de Bueu.

A gala, que se celebra en Cangas debido ao “fervedoiro cultural que supón a vila e o conxunto do Morrazo”, nas verbas do deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, contará con representacións coma o xuízo que se lle fixo a María Soliña ao ser acusada de meiga, pero tamén haberá espazo para a danza, a lírica ou a música de Galicia.

As entradas de asistencia están dispoñibles no Auditorio deste municipio, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e na Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. Tamén se poden reservar por correo electrónico na dirección galapatrimonio@trisquelia.com.

Salir de la versión móvil