O Concello de Cangas volverá abrazar a comedia, o drama ou a traxedia na novena edición do Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo Citeamor, que comezará o martes, 3 de abril, co pregón da man de Adrián Ríos, un dos actores da serie de televisión “Fariña”.
A cita con Citeamor será, como de costume, no Auditorio Municipal e todas as obras representaranse os martes con entradas a 3€ -poden adquirirse na billeteira-.
Desde a Asociación Cultural A Cepa e a Asociación Cultural Entre Bambalinas, entes organizadoras, explican que nesta novena edición participan 13 grupos, sendo 12 da comarca do Morrazo, o que se traduce en 180 actores e actrices. Aínda que inicialmente estaba previsto 14 grupos, Avelaíña Teatro finalmente non representará "A ópera de patacón", aínda que dende o Concello "esperan poder contar con esta agrupación no futuro".
A primeira representación correrá a cargo de Mulleres da man tendida da man de Teatro Aberto. Terá lugar o martes, 10 de abril, ás 20:00 horas. Ao de longo de tres meses, pasarán polo escenario do auditorio municipal Furafollas Teatro, EMAEC, Os deslinguados, Os fillos do capitán Nemo, A Réplika de María, Comediantes Anónimos, os grupo de teatro do IES As Barxas, Dramatic@s, do Colexio Eduardo Pondal, de Charaviscas e da Asociación de Mulleres de Moaña. O ciclo finalizará con Mar Aberto e obra “Ollos sobre o mar” o 12 de xuño.
Programación Citeamor en Cangas
Nesta edición vólvense ofertar dous cursos de formación. Un de expresión corporal de Maite Campos para o que xa están todas as prazas cubertas; e outro de iluminación, impartido por Salvador del Río.
Asemade, darase a coñecer a toda a poboación o Fondo Teatral María Casares da Biblioteca Central da Cangas, un dos máis importantes de toda Galicia. Este fondo conta con arredor dun millar de volumes e revistas e constitúe un depósito especializado en teatro.