Volven. Ou revolven. Tras seis anos de silencio discográfico, e despois das brutais aparicións no verán do pasado ano en Vigo e a súa área metropolitana, Heredeiros da Crus regresan ao sur da provincia co seu novo traballo, “Derretidos”. A banda de Ribeira chegará á Guarda este verán cun concerto de balde.
Máis fortes que nunca, coa súa aposta máis persoal, Heredeiros da Crus presenta o seu disco máis contundente o 11 de xullo na vila miñota. Alí levarán os seus novos 12 temas atesorados por guitarras amuralladas, melodías inquebrantables e a súa xa clásica e característica sorna.
As reminiscencias dos 70 de “Derretidos” prometen novos himnos para os siareiros máis acérrimos, pero tamén supoñen unha firme aposta polo achegamento ao panorama nacional.
A cita na Guarda englóbase dentro do programa Musigal da Deputación de Pontevedra, que permite aos concellos de menos de 50.000 habitantes programar concertos de balde de música galega. A liña de subvención da Deputación ascende, no conxunto, a 614.045,25 euros.
Sés, en Moaña
Enmarcada na mesma liña de subvencións provinciais está a actuación de Sés no Concello de Moaña. A artista María Xosé Silvar -máis coñecida coma Sés- ofrecerá un concerto gratuíto na noite do sábado, 1 de agosto para abrir os “Días de Mar” impulsados pola Concellería de Turismo.
Á vila morracense chegará co seu sétimo traballo, “Liberar as Arterias”, baixo o brazo, xa que está previsto para o 21 de febreiro. Soamente fai unhas semanas, adiantaba o single “Espiña sen rosa” no que mestura o seu mellor estilo con guitarras, baterías, pandeiretas... un tema que ten como eixo a loita feminista. Sés anima a levantarse, a romper as mordazas, a ser unha mesma. En “Liberar as arterias”, Sés percorre América de norte a sur.