Concertos gratis e tradición labrega en Vigo polos dez anos da Festa da Sementeira de Matamá

Publicidad

Entre o gran número de celebracións que terán lugar este fin de semana na cidade olívica e a súa área, chega a décima edición da Festa da Sementeira de Matamá, a festa labrega máis esperada de Vigo. Organizada pola Asociación Veciñal de Matamá e o Colectivo Malaherba, a Festa da Sementeira ten programada unha xornada de música en directo e moita tradición para conmemorar as labores do campo e a sementeira do millo.

A gran festa labrega da parroquia viguesa de Matamá terá lugar este domingo 30 de abril e arrancará ás 10:30 horas coa tradicional saída do carro de bois dende o torreiro, amenizada polo grupo de música tradicional Setecuncas. Posteriormente, dará comezo a Labranza e a Feira Tradicional con postos de artesanías e unha sesión vermú con pulpeiro a partir das 12:00 horas.

Pola tarde, maiores e pequenos poderán desfrutar dos espectáculos de Cé Orquestra Pantasma ás 17:00 horas e de Asacocirco ás 19:00 horas. Un dos momentos máis importantes da xornada chegará ás 20:00 horas, cando terá lugar a Sementeira do Millo feita polos máis pequenos e, por último, os encargados de dar por finalizada a festa en Matamá serán Chockis Vuelvis e Demencia Sonora que ofrecerán un concerto ás 21:00 e 22:00 horas respectivamente. Ademais, durante todo o día haberá unha mostra etnográfica, unha granxa rural, muiñadas e cervexa artesanal.

Programación da X Festa da Sementeira de Matamá

Salir de la versión móvil