O Festival Revenidas anuncia as tres primeiras bandas que formarán parte da súa proposta final: a mestura de electrónica, rap, metais e toques mediterráneos de Zoo; as personalísimas versións de música metal dos finlandeses Steve ‘n’ Seagulls; e unha formación que agrupa a varios dos nomes máis importantes da música galega, a Banda Xangai.
Zoo é unha banda de Gandía que ten no seu directo o seu punto forte, ofrecéndolle sempre ao público unha descarga de enerxía non-stop. Música electrónica que mestura rap con sons de trombóns e guitarras rockeiras, toques mediterráneos e ritmos festivos. Todo acompañado dunhas letras reivindicativas que seguen rompendo barreiras lingüísticas ao ter éxito en calquera recuncho do estado español cantando en valencià, e das líricas e a voz persoal de Panxo, o seu cantante.
Steve ‘n’ Seagulls son unha banda finlandesa á que lle gusta facer versións en bluegrass de bandas de metal e hard rock de ampla traxectoria, pero disfrazados de granxeiros. O grupo deuse a coñecer no verán de 2014 coa publicación dos seus vídeos en Youtube, sendo especialmente popular a versión da banda de “Thunderstruck” por AC/DC que recibiu máis de 44 millóns de reproducións en Youtube. Dende entón, xa levan dous discos ás súas costas, centos de concertos por Europa e unhas peculiares e potentísimas versións de cancións Metallica, Nightwish o Megadeth.
A banda Xangai é moito máis que un grupo: colle prestado o alcume do tren que durante décadas uniu Galicia e Cataluña. Ese intercambio humano, social, cultural e artístico entre o Atlántico e o Mediterráneo é o fío condutor dunha iniciativa única da que xa agromaron festivais poéticos ou formacións musicais e que viviu un dos seus puntos culminantes na celebración do 40º aniversario do Ateneu Nou Barris de Barcelona, o centro social máis antigo do Estado e que sempre contou cunha forte presenza da emigración galega. Xúntanse nomes importantes da música galega, de bandas xermolo do movemento Bravú e posteriores como Os Diplomáticos de Montealto (Xurxo Souto e Pulpiño Viascón), Os Papaqueixos (Xan Xove e Antón Díaz), Gharbanzo Neghro (Nacho), Dios Ke Te Crew (García), As Garotas de Ribeira (Sofía), A Magnifique Bande dos Home Sen Medo (Martiño Mato e Olivier Cano) e un largo etcétera.
Entradas e actividades do Revenidas
A organización do festival está actualmente artellando unha programación cun potente contido cultural galego que abrangue diversas disciplinas, e sempre vencellado ás tradicións. Ademais, o “Festival das Linguas” aposta por unha combinación de espazos de balde para o lecer de familias e de todos os públicos, cunha programación musical que incluirá máis importantes bandas internacionais, estatais e galegas, e que se desvelará durante os próximos meses.
O modelo de combinar actividades de balde para público familar con concertos de pago seguirá sendo a base desta festa galega, que continúará na súa liña de explorar novos espazos con actividades vencelladas á vila e ao entorno no que se celebra. Os interesados e interesadas en asistir ao Revenidas 2018 poden mercar xa os seus abonos de tres días -con acampada incluída- por un prezo de 26 euros a través da páxina web oficial do evento.