A Sala de exposicións do Auditorio Municipal de Cangas acollerá este martes, 5 de setembro, ás 20.00 horas, a inauguración da exposición "Oficios entre lusco e fusco", de Xosé Abad.
A mostra é unha reflexión sobre a desaparición de múltiples oficios por mor da mecanización do traballo e a produción en masa. A través de 34 fotografías tomadas por Abad simbolízase a decadencia dos oficios tradicionais nas sociedades desenvolvidas.
No acto de inauguración, que inclúe unha visita guiada, estarán presentes o alcalde do Concello de Cangas, Xosé Manuel Pazos Varela, o director da oficina de ABANCA de Cangas, Pedro Alberto Sanmillán Lago e a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela Garicano.
Esta exposición, de entrada libre e gratuíta, poderá visitarse ata o 30 de setembro de martes a sábado en horario de 17.00 a 21.30 h.
"Oficios entre lusco e fusco" forma parte do proxecto "Corrente cultural", que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Unha iniciativa posible grazas á colaboración entre o Concello de Cangas, ABANCA e Afundación.