O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este mércores o programa municipal solidario "Unha bici, un sorriso", xunto a Antonio Montero e Álex Durán, en representación de A Golpe de Pedal e de Cromoly, respectivamente.
Trátase dunha iniciativa "moi especial", valorou o alcalde, quen explicou o seu funcionamento. As familias que queiran doar unha bici para as familias con menos posibilidades poden chamar e se recollerán nos seus propios domicilios. Serán postas a punto grazas á colaboración dos establecementos participantes e almacenadas e entregadas polo Concello de Vigo.
Abel Caballero recordou que este programa se leva adiante ao longo de todo o ano, non só no Nadal, e animou á cidadanía a doar esas bicicletas que xa non usan. O rexedor apuntou que foron recollidas case medio centenar durante este ano e Montero engadiu que mañá teñen previsto sumar outras trinta bicicletas máis.