O Centro Cultural da Guarda acollerá a obra teatral "Fillos do sol" o vindeiro sábado 12 de maio ás 20:00 horas. A peza, coproducida pola compañía teatral Contraproducións e o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, ofrece unha versión dos últimos anos da vida do poeta Eduardo Pondal, cando nunha pensión da Coruña trata de rematar a súa obra épica Os Eoas.
En escena, o xa octoxenario bardo galego afrontará o seu último traballo comesto pola neurose, os medos e as insatisfaccións creativas e acompañado por un personaxe nacido da súa propia imaxinación: un mozo Eduardo nos seus inicios como poeta.
O elenco de actores está formado por César Cambeiro no papel de Pondal vello, Adrián Ríos como Pondal novo e Alba Bermúdez no papel de Rosa, a serventa da pensión. Todos eles manteñen unha relación divertida e emotiva ó mesmo tempo, na que se abordan temáticas como os perigos do perfeccionismo, os usos da lingua, a emigración e mesmo a emancipación feminina.
Escrita e dirixida por Cándido Pazó, a obra concíbese como unha homenaxe ao controvertido escritor no centésimo aniversario da súa morte. Pondal foi, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez, «un dos tres pés poéticos do Rexurdimento Galego», destacan dende a produtora.