Estas son as vinte especialidades que poderás probar na Festa do Polbo de Bueu

Publicidad

O Concello de Bueu, xunto coa Confraría de Pescadores San Martiño, organiza do 10 ao 12 de agosto a décimo novena edición da Festa do Polbo, que se celebrará no campo da Estacada e que ofrecerá a posibilidade de degustar arredor dunha vintena de especialidades e formas de cociñar este cefalópodo.

Aínda que os postos estarán abertos o venres de 19:30 a 00:00 horas, a inauguración oficial será o sábado ás 12:00 horas, cunha demostración gastronómica a cargo de Bea Sotelo, cociñeira que participa no programa gastronómico “Gastrópodos” da TVG, ademais de contar cunha estrela Michelín mentres rexentaba o restaurante “A Estación” de Cambre. Segundo salientou Sotelo, vai ser unha demostración de cociña tradicional reinventada coa que se buscará salientar a impronta do polbo, con propostas de pratos divertidos e ao alcance de todas as persoas (encurtidos, cocción tradicional do polbo...).

A continuación, ás 12:30 horas, terá lugar unha sesión vermú amenizada polo dúo Voodoo, novidade deste ano coa que se ofrecerá un pack de tapa e vermú galego por 6€, proposta coa que se pretende chegar ao público máis novo. Xa pola noite, ás 22:00 horas, o actor galego Serxio Pazos fará desfrutar ao público asistente dun monólogo.

O domingo, ás 12:00 horas, o grupo Retrouso amenizará a sesión vermú, e pola noite, ás 20.30 horas o programa cultural rematará con Cantos de Taberna (que tamén se poderán ver o venres á mesma hora).

Como vén sendo habitual, a gastronomía combinarase cunha programación cultural e festiva, coa que “queremos evolucionar pero sen esquecer a tradición”, tal e como declarou a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, durante a rolda de prensa celebrada este luns no 1º andar da Praza de Abastos.

Especialidades

A festa arrancará o 10 de agosto ás 19:30 horas, momento dende o que xa se poderá gozar das especialidades e do polbo á feira, que tamén serán ofertados o sábado de 12:30 a 16:30 e de 19:30 a 00:00 horas, e o domingo, das 12:30 a 16:30 e das 20:00 a 00:00 horas. As variedades terán un custe de 6€ e 10€, segundo a ración, e serán ofrecidas por dous establecementos: O Rincón de Cela e Frigoríficos Rosa de los Vientos.

Rosa de los Vientos disporá, por un custe de 6€, de empanada de polbo de trigo, empanada de polbo de millo, croquetas de polbo á feira, arroz de polbo, fabas con polbo e paté de polbo á feira; e por 10€, polbo á prancha con cachelos, polbo frito en Aires de Jaén, polbo á feira, e polbo en caldeirada.

Pola súa banda, O Rincón de Cela presentará empanada de polbo de millo e trigo, xeado de polbo, boliño de polbo e croquetas de polbo, todas por 6€; mentres que por 10€, os e as comensais poderán probar o polbo á feira, o polbo á prancha, polbo en caldeirada, a pizza de polbo, e o brocheta de polbo.

Salir de la versión móvil