Liliya Pobornikova experimenta coa cerámica no Mercado de Tomiño

Publicidad

Un experimento, “un primeiro paso e bosquexos para as vindeiras esculturas grandes”. Así é a exposición ‘Lugares inesperados’, coa que a artista Liliya Pobornikova explora as formas que xorden da imprevisibilidade orgánica e que encherán a primeira planta do Mercado de Tomiño ata o vindeiro 1 de abril.

“É un sitio moi agradable para estar, facer a compra ou tomar un café e eu paso tempo alí case todos os días. Algunhas das esculturas expostas empezaron xusto alí como idea ou debuxo e para min é unha forma natural de pechar o círculo de idea, realización e final, compartindo con amigos e veciños o resultado do meu traballo”, salienta a escultora.

A artista búlgara recolle aquí 19 esculturas e 4 relevos que supoñen para ela un experimento xa que normalmente as súas esculturas están feitas de materiais duros, tallando pedra ou madeira, e nesta ocasión fai unha incursión na cerámica, “un material moi distinto, porque as formas fanse modelando”. “É un xeito máis rápido de ver as ideas en tres dimensións. A maioría do tempo me dedico á escultura monumental, pero para facer unha obra grande antes soe pasarse por varias versións pequenas, buscando as proporcións, as formas e as texturas. E as esculturas de ‘Lugares inesperados’ son para mi un primeiro paso, bosquexos para as próximas esculturas grandes”, explica Pobornikova.

Afincada hai moitos anos en Tomiño, para as súas obras a artista inspírase “na natureza, na beleza das formas orgánicas, os contrastes de formas suaves e as redes xeométricas abrazándoas, os reflexos do mundo mariño, os recordos de viaxes en sitios afastados...”. Estas obras seguen a busca de traballos anteriores da escultora, xa que algunhas xa existen en versións de pedra o madeira, “pero o material diferente achega novas posibilidades e ideas”.


Pode interesarche: “Nado en Pedra” chega á Guarda con 18 pezas de gran formato


Aínda que Pobornikova non é capaz de quedarse cunha soa peza da exposición porque “son os meus fillos e están feitas con igual amor e coidado”, si que lle chama a atención que todas aquelas persoas que visitan a exposición acaben tendo a súa obra preferida.

Liliya Pobornikova naceu en Bulgaria en 1979 e na actualidade vive e traballa en Tomiño. Finalizou os seus estudos na National Academy os Art, en Sofía, especializándose en esculturas de madeira. Forma parte da Unión de Artistas de Bulgaria e participou en máis dun cento de simposios de escultura en Austria, Arxentina, Brasil, China, Dinamarca, Xapón... Conta ademais con varios premios polos seus traballos en simposios e competicións.

Salir de la versión móvil