Unha nova exposición gratuíta súmase á oferta cultural de Vigo. Esta mañá, a sede Afundación de Vigo, situada en Policarpo Sanz, acolleu a presentación da mostra “un rolo de papel continuo”, organizada pola fundación xunto coa Universidade de Vigo.
Trátase dun proxecto coral no que participan seis artistas ligados á Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Cinco deles son antigos estudantes da universidade (Marcos Covelo, Nuria Figueiredo, Berto Fojo, Julia Huete e Natalia Umpiérrez) e un é profesor en activo da mesma (Nono Bandera).
Segundo palabras da comisaria da exposición, Susana Cendán, a motivación para levar a cabo este proxecto conxunto, no que non prima a procura dunha coherencia estilística senón a capacidade de poñer en común conceptos e intereses aparentemente inconexos, foi “o pracer de traballar conxuntamente e intercambiar experiencias, a curiosidade por observar o avance duns resultados cuxo rumbo non estaba milimetricamente calculado”.
A mostra abrirase ao público esta tarde cun acto de inauguración que terá lugar ás 20.00 horas coa intervención da vicedecana de Organización Académica da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, Susana Cendán; o vicedecano de Relacións Internacionais, Carlos Tejo; a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores e Nono Bandera, en representación dos artistas participantes.
Os que queiran acudir a desfrutar da mesma, poderán facelo de balde até o vindeiro 27 de setembro na Sala 1 da Sede Afundación de Vigo, de luns a sábados en horario de 17.30 a 20.30 h.