O Paseo da Corredoira de Tui acolle mañá martes, 25 de xullo, de 10:00 a 21:00 horas unha Feira Benéfica de Antigüidades, Coleccionismo, Vintage e Libro Usado organizada polo Concello de Tui.
Nunha xornada festiva, o paseo da Corredoira acollerá até 45 postos de anticuarios chegados de distintos puntos de Galicia, pero tamén de Portugal, Asturias e Francia, que achegarán á Eurocidade pezas únicas de todas partes do mundo e de gran valor, tanto para curiosos coma para coleccionistas.
Así mesmo, ao longo do día non faltará a animación musical ao longo de toda xornada xunto cun concerto de rock clásico previsto para as 20:00 horas.
Carácter solidario
A feira ten carácter benéfico xa que os anticuarios participantes deberán realizar unha aportación de alimentos non perecedoiros para SOS Tomiño Baixo Miño. Pero os asistentes tamén poden colaborar con esta organización de axuda ás persoas nunha situación de fraxilidade económica. A asociación asistencial terá un posto ao longo de toda a xornada no que recollerá alimentos non perecedoiros.
Como chegar?
A feira desenvólvese na parte central do casco urbano tudense, no Paseo da Corredoira, de carácter peonil. Os postos estarán instalados dende as dez da mañá e até as nove da noite. Para estacionar, unha das mellores opcións e aparcar na taseira da Área Panorámica, ao carón do novo centro de saúde.