A Guarda consagra ao peixe espada

Publicidad

O porto da Guarda acolle durante esta fin de semana a tradicional Festa do Peixe Espada, organizada pola Organización de Palangreiros Guardeses en colaboración co Concello. A celebración arrancou onte, pasadas as 20 horas, co pregón inaugural a cargo das campionas de Liga do Clube de Balonmán Mecalia Atlético Guardés.

Imposible preparar o peixe espada de máis xeitos diferentes

Os establecementos hosteleiros participantes nesta XIV edición da festa (Xantar, Cangrexal, O Roxo e Xeito) ofertan un total de 16 preparacións distintas do peixe espada, entre pratos e tapas cuxos prezos non superan os 8 euros.

Así, os visitantes poderán degustar ata mañá o tradicional prato de espada á prancha con cachelos ou noutras variedades como guisado, en salpicón, en empanada ou empanadillas, croquetas, en zorza, en tostas, en escabeche, ao peregrino; fideuá, tortilla ou quiche con peixe espada, e bocadiños de espada con salsa alioli. A oferta gastronómica complétase cos postres da Confitería Estévez e o posto de productos gourmet en conserva de ORPAGU.

Programación deportiva e lúdica

O deporte inclusivo tamén ten espazo esta fin de semana coa celebración do II Campionato Galego Inclusivo de Náutico Adaptado, organizado polo Clube Náutico Sen Amarras. A entrega dos premios da competición celebrarase esta tarde, ás 20.00 horas, na carpa do porto, tras as actuacións do Coro Fuscalheiro (de 15.00 a 17.00 horas) e o Grupo de Acordeóns Mascarelhas (a partir das 19.00 horas). Este último volverá amenizar esta xornada gastronómica tras a entrega dos premios e, xa ás 23.00 horas, a música tradicional cederá o espazo á electrónica, da man do DJ Diego Wass.

Mañá domingo as actuacións musicais comezarán as 15.00 horas, co Grupo de baile e gaitas Do Lusco ó Fusco e, chegadas as 19.00 horas, a música tradicional galega volverá coa actuación do grupo de gaitas A Boalleira.

Amais destas, a festa conta con mercado artesanal durante todo o día e outras actividades dirixidas aos máis pequenos, como inchables, pintacaras e obradoiros entre as 15.00 e as 21.00 horas. O domingo engádense as actividades acuáticas organizadas polo Clube Alagua, que ofertará clases de vela para os cativos.

 

Un pregón de campionas

O equipo guardés, que ven de firmar un acordo de patrocinio con ORPAGU, aproveitou a ocasión para amosar o seu novo equipamento, no que se inclue o logotipo coa silueta do peixe espada, representativo da organización. Xa lucindo a nova camiseta, a capitana do Atlético Guardés, Estela Doiro, tomou a palabra agradecendo o apoio tanto dos afeccionados como dos patrocinadores, para pasar a eloxiar as virtudes nutricionais do peixe protagonista da festa e animar á inclusión deste alimento nas nosas dietas.

Tras o pregón, a xerente da Organización de Palangreiros Guardeses, Juana Parada, fixo entrega dos premios ás gañadoras do II Concurso de Relatos “Homes de Mulleres do mar”, para a mosense de 12 anos, María Calvar; e o Concurso de Carteis “Festa do Peixe Espada”, que foi para Mikaela Rodríguez, de 10 anos de idade e alumna do Colexio Padres Somascos da Guarda.

A organización tamén quixo agasallar, facendo entrega dunha figura conmemorativa da festa elaborada polos alumnos co Centro San Xerome Emiliani, ás pregoeiras do Atlético Guardés e ó Concello da Guarda, como agradecemento a súa colaboración.

 

Salir de la versión móvil