Cinco motivos polos que debes visitar Moaña Antiqua

Publicidad

É cuestión de horas. A máquina do tempo xa están quentando motores. Moaña ten todo a punto para celebrar unha nova edición de Moaña Antiqua, o primeiro gran evento da programación do verán na localidade morracense.

A parroquia de San Martiño será o escenario desta festa de época que comezará ás 20:45 horas deste venres, 29 de xuño, co pregón da escritora Iria Collazo e rematará o vindeiro domingo 1 de xullo ás 23:00 horas. En Metropolitano.gal destacamos cinco razóns polas que debes acudir á terceira edición de Moaña Antiqua.

1 - O lume e a mitoloxía de Troula Animación

É o primeiro gran espectáculo de Moaña Antiqua. A recoñecida agrupación, que actuou fai uns días no Arde Lucus, trae á cita moañesa o espectáculo "Errantes", un show de case 90 minutos de duración con pirotecnia, instrumentos de percusión, fachos e seres saídas da más fonda oscuridade como orcos ou trolls. O evento arrancará o venres, 29 de xuño, ás 22:00 horas.

2 - O folk en directo de Caxade

O folk terá un papel protagonista nesta edición de Moaña Antiqua. Caxade é a banda musical liderada por Alonso Caxade. O conxunto editou en novembro de 2013 no selo cooperativo "Discos da Máquina" o seu primeiro traballo discográfico titulado "A Dança dos Moscas" cos músicos que na actualidade seguen formando a agrupación, Manu Paino (trompeta e teclado), Manu Espinho (bombardino e trombón), Xosé Tunhas (batería), e o propio Alonso Caxade (voz e acordeón). O seu último disco, "E isto é o Amor" saiu á venda o 14 de maio de 2016. O recital da banda folk pechará, ás 22:00 horas, a xornada do sábado, 30 de xuño, no Adro de San Martiño.

3 - Cetraría, loitas medievais... e unha pitonisa!

Nunha festa de época non podían faltar as exhibicións de cetraría. O Moaña Antiqua programa diferentes pases con distintos tempos de duración. O gran espectáculo terá lugar tanto o sábado como o domingo ás 21:00 horas, unha cita na que, se a meteoroloxía o permite, poderás ver o show realizado por Rapaces do Salnés no que tamén participará o propio público.

Ademais destes dous pases na fin de semana, a organización tamén programou outros tres pases curtos de exhibición de cetraría. Serán o venres ás 21:00 horas e o sábado e o domingo ás 12:45 horas.

Outras propostas interesantes neste apartado son as loitas medievais, que correrán a cargo de Adoc Cabaleiros de Moaña o sábado ás 20:00 horas, e a participación da Pitonisa Felisa, unha haima de adivinación e tarot que aportará o toque místico á festa. Felisa estará a disposición dos asistentes o sábado de 20:00 a 22:00 horas e o domingo de 19:00 a 21:00 horas.

4 -Actividades infantís

Moaña Antiqua é unha cita tamén para os máis pequenos. Nesta terceira edición, a rapazada poderá participar en obradoiros medievais nos que terán a oportunidade de aprender escritura medieval, acuñar moedas, lacrado ou xilografía. As actividades son de balde e haberá unha zona adaptada especificamente para os máis pequenos da casa.

5 - Comida na Carballeira ou de taberna medieval

Con tanta actividade, o bandullo pide gasolina. Os asistentes poderán comer na Carballeira e nas fincas da contorna. Non obstante, en Moaña Antiqua haberá tamén unha taberna medieval con pratos típicos galegos, sardiñas asadas, churrasco de porto e tenreira, raxo con patatas e tortilla para os que prefiran deixar as cazolas na casa. As racións terán un prezo de 10 euros.

Salir de la versión móvil