Dúas bandas por primeira vez en Galicia. Dúas que se estrean nun festival da nosa terra. Outras tantas con novo disco… Estes son algún dos datos do Freixo Rock, o festival autoxestionado que fará vibrar esta fin de semana Vigo.
Entre o venres 14 e o sábado 15 de setembro o festival traerá a once bandas de Galicia e do resto do Estado lideradas polo mítico Josetxu Piperrak que estará acompañado por The Riber Rock Band. O creador de himnos como “Kualkier Dia” ou “¡Basta ya!” subirá ao escenario o venres ás 0:40 horas.
Antes, abrirán o festival ás 22:00 horas a banda ourensá Maskarpone seguida de Os Vacalouras. Os segundos, directamente dende Teis, serán os encargados de facer “tremer a terra” co seu autodenominado estilo de “Pataca’n’ Roll”, ou o que é o mesmo, un punk rock reforzado pola gaita e con letras profundas como “Trillei a Pirola ca tapa do Vater” . A cita do venres rematará con The Skarnivals, por vez primeira no festival, e Demencia Sonora.
Pola súa parte, o sábado a festa correrá a cargo de Os Romóns, Falperrys, Radiocrimen, Skakeitan e Arkada Social. Ambalas dúas xornadas os concertos comezarán ás 22:00 horas e rematarán ás 05:00 horas da madrugada.
O Freixo Rock caracterízase pola súa total independencia, sendo un dos poucos festivais autoxestionados sen axudas públicas que atraen a milleiros de persoas para desfrutar de bandas consolidadas e novas incorporacións nun ambiente festivo sen censuras.
Como de costume, a Peña Freixo ofrecerá aos asistentes zona de acampada e posto de comida e bebida. Para poder acceder ao recinto da festa soamente se deberá aboar o prezo dunha consumición, que permite colaborar nos custes de organización.
Onde se celebra?
O festival, como o seu nome indica, ten lugar en Freixo, na parroquia viguesa de Valladares. En concreto, celebrarase no campo de fútbol a carón do local social da Asociación de Veciños do Freixo, na estrada de San Xoán, 264.