Coa chegada do outono, Moaña retoma unha das súas citas xa históricas que ademais permiten desfrutar dun domingo e ocio e descubrimento de produtos da terra. A Feira ECOartesá de Moaña chega este 9 de outubro á contorna do Palco da Música, con música, actividades infantís e alimentos de tempada e da horta.
A cita, que vai xa pola súa décimo terceira edición, contará con medio centenar de postos que se instalarán no paseo marítimo, nun entorno privilexiado do municipio.
Os asistentes poderán adquirir produtos de horta de quilómetro cero, mel, especia ou froitos secos, así como repostaría, pan ou empanadas. Ademais do apartado gastronómico, tamén haberá xabóns e produtos de cosmética natural, xoguetes, instrumentos artesáns, pratería, artesanía de coiro e produtos de segunda man (libros, discos e antigüidades). Neste espazo instalarase tamén unha polbeira.
A cita arrancará ás 11:00 horas e se prolongará até ás 21:00 horas. Contará con actuación en sesión vermú das pandeireteiras "Salgharitas" de Moaña, actividades para a rapazada coa Asociación Trebellos (manualidades con material de refugallo e con follas secas) e actuación infantil de “Pajarito”. Os asistentes poderán contemplar e montar cabalos grazas a ADOC a partir das 16:00 horas. A Feira rematará coa actuación do grupo "2 con 2".