Galicia, Irlanda e Escocia, unidas polo Intercéltico do Morrazo

Intercéltico do Morrazo 2016 // Diego Seixo

Intercéltico do Morrazo 2016 // Diego Seixo

Publicidad

Tras a presentación na xornada de onte do libro biográfico de Antón Corral, “A alborada dun soño”, escrito por Fina Fernández, o Intercéltico do Morrazo arranca hoxe a súa programación musical que levará ao escenario a grupos representantes do mellor folk europeo. Os organizadores devecían, xa a comezos de semana, por mostrarnos o privilexiado espectáculo que teñen preparado para este ano e incluso argallaron para sumar ao atacante celeste Iago Aspas na promoción do evento. Pois, ao fin, chegou o día.

Na xornada de hoxe, a irmandade galego asturiana estará representada por Xabier Díaz e Adufeiras de salitre (21:30h) e Tejedor (23:00h). O compositor coruñés é un dos representantes máis destacados na música galega deste século. Foi parte do multipremiado Berrogüeto, até a súa disolución en 2014, e participou con Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xosé Lois Romero no proxecto ACadaCanto. Xunto ás Adufeiras de salitre fíxose co premio ao mellor disco galego en 2016 e ao mellor álbum de música tradicional nos Premios Martín Códax do mesmo ano.

Pola súa parte, os asturianos Tejedor achegarán a Moaña a música tradicional asturiana, pero tamén temas de composición propia que levan elaborando dende 1995. Con catro discos gravados, o grupo ten recibido numerosos premios, coma o Urogallo de Bronce do centro Asturiano de Madrid, e ten participado nos máis prestixiosos festivais folclóricos europeos.

Música escocesa e irlandesa como pratos fortes deste ano

Chegados dende o Vancouver Folk Festival, os escoceses de Rura subirán ao escenario o venres, hora e media despois da actuación dos galegos de Fiandola (22:00h). Gañadores do premio á mellor actuación en directo nos Scot Trad Music Awards de 2015, destacan pola súa posta en escena con violíns, gaita escocesa, flautas e tambor de marco irlandés ou bodhrán. Unha achega asombrosa da cultura escocesa que sumerxirá aos asistentes nun espectáculo máxico.

O sábado, na derradeira noite do festival, o cartel será de luxo coa presenza dos irlandeses de Lúnasa e máis de Milladoiro. Con 20 anos de historia, os irlandeses destacan pola súa incrible habilidade para compoñer música tradicional irlandesa e celta, empregando o violín, a frauta, a gaita irlandesa, a guitarra e o baixo. Nestas dúas décadas teñen actuado en máis de 2.000 espectáculos en 36 países diferntes alzandose como unha das bandas máis importantes do folk internacional.

Os irlandeses comezarán no palco principal ás 22:00 horas da noite para dar paso, ás 23:30 horas, a Milladoiro, o grupo folclórico con maior traxectoria e máis internacional de Galicia. Con 20 discos ás súas costas, o grupo galego é xa indispensable para entender a cultura folclórica galega. E serán eles os que poñan o alfinete de ouro a unha edición insuperable do Intercéltico do Morrazo en Moaña.

 

*Fotografía de portada de Diego Seixo

Salir de la versión móvil