Música e oportunidade fusiónanse este venres en Moaña. Chega unha nova entrega da Jam Martiño, un evento que poderíamos dicir que “democratiza” a música ata o seu máis elevado expoñente. A cita o fía todo á improvisación. Esa é unha das chaves do seu éxito. O único que se sabe son o lugar, a hora e que a actuación de De Trapo servirá de inicio a esa “jam” que invadirá de música a noite do venres na vila morracense.
A Jam Martiño, que se celebra de forma paralela ás festas de San Martiño, ten como principal novidade o seu “escenario”. A celebración das Eleccións Xerais este domingo 10 de novembro obrigan á organización a cambiar a Casa da Cultura de Abelendo polo aparcamento do Casal, ao lado do parque. A hora será as 22:00 horas e as propostas musicais serán variadas. O gran motivo do éxito da Jam Martiño é que calquera pode ser protagonista. A música e o desfrute son os dous obxectivos deste evento que xa leva celebrándose dende hai once anos.
O evento que terá lugar este venres ás 22:00 horas no aparcamento do Casal promete diversión e moi boa música. A Jam Martiño comezou como unha reunión de músicos e amigos. Algúns pertencían a bandas consolidadas da comarca, outros simples afeccionados. Esa simple homenaxe á música permitiu ao evento seguir crecendo ata converterse nun dos grandes eventos festivos do San Martiño de Moaña.
Este venres 8 de novembro estrea emprazamento. O 10-N deixa a súa pegada nesta Jam Martiño que responderá con contundencia á repetición electoral: unha xornada de reflexión con maniotas e resaca. O evento está organizado pola asociación homónima en colaboración co Concello de Moaña.