Un ano máis, o concello de Mos prepárase para a súa Festa da Rosa, declarada de Interese Turístico de Galicia, cunha programación que concentrará a meirande parte das actividades na xornada festiva deste xoves, 13 de xuño.
Así, neste xoves, festivo local e día grande da Rosa, a Praza do Concello acollerá a exposición e apertura dos concursos de rosas e empanada de pan de millo a partir das 09.00 horas e ata ás 11.00 horas. Ás 12.00 horas, será o momento do pregón a cargo da alpinista mosense Verónica Romero, integrante da expedición polar feminina “Compromiso por la Tierra”. Ás 12.30 horas chegará o veredicto dos concurso de rosas e concurso de empanadas de pan de millo. Ás 13.00 horas haberá unha actuación da Banda de Música Xuvenil de Torroso e o fin de festa farase coa exaltación da empanada de pan millo a cargo da Asociación de Mulleres Rurais, Val da Louriña.
Sobre a programación das Festas da Rosa 2019 a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, declarou que “o mes máis fermoso e festivo na localidade mosense é o de xuño” e animou aos visitantes doutros municipios “a compartir connosco esta programación adaptada a todos os públicos e gustos”.
O tradicional Encontro de Palilleir@s da Festa da Rosa, organizado pola Asociación de Palilleir@as de Mos e o Concello de Mos, -e que este ano chega á súa XII edición-, celebrarase o sábado 15 de xuño no habitual entorno de Costoias, Tameiga. O encontro comezará ás 11.00 horas e prolongarase durante todo o día, contando nesta ocasión coa participación da Mostra de Encaixe de Camariñas.
As novidades deste ano na programación da Festa da Rosa chegarán co I Festival Tradicional da Rosa e o I Festival Daquelas que Cantan.
O domingo 16 de xuño terá lugar o I Festival Tradicional da Rosa, a partires das 18.00 horas da tarde no Multiusos das Pozas e coas actuacións do Grupo de Música e Baile Nosa Terra de Pereiras, o Grupo Cancionero de Cantanhede, Portugal; e o Grupo Folklórico Anaquiños de Chapela.
Malvela e Uxía Senlle poranlle o broche final ás Festas da Rosa 2019 co I Festival Daquelas que Cantan. A Voz das Mulleres no Camiño Portugués, que se celebrará ovenres 21 de xuño e sábado 22 de xuño no Pazo de Mos con concertos de Malvela en homenaxe á Señora Carmen, Uxía, Celina da Piedade (Portugal), Kátya Teixeira (Brasil), Arume, Zaragateiras, Engutío… entre outros. O festival contará con obradoiros de cante tradicional, a colaboración de Tiago Pereira e Dorinda Castro, unha andaina de recollida de herbas de San Xoán, foliadas e moitas outras actividades.