Moaña non podía falta a un día tan especial como este 24 de febreiro, a xornada na que se conmemora a figura de Rosalía de Castro. A vila morracense festexa esta data tan simbólica na literatura galega con diversos actos telemáticos. Para a rapazada de 3 a 12 anos, e en colaboración cos nove centros de educación infantil e primaria do Concello, terá lugar o concerto "Cantando os Cantares" de Marcos Acuña, no que se transmitirá ás máis pequenas e aos máis pequenos as mensaxes da obra de Rosalía a través da música.
Centos de escolares destes centros de ensino conectaronse ás 12:30 horas desde cada aula para asistir a este concerto ao vivo desde o Centro Cultural Rosalía de Castro de Domaio. Para a mocidade, e en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) o Concello divulga as unidades didácticas nas que participaron os grupos moañeses Lelli Kelly's e Sebastian Black & It's Soul que se desenvolveron nestes días nos institutos de toda Galicia, nas que se propón a gravación de vídeos na plataforma Tik Tok tomando como modelo as gravacións dos grupos moañeses.
Finalmente, o evento central do Día de Rosalía en Moaña terá lugar ás 20:00 horas coa retransmisión no perfil do Facebook do Concello de Moaña dun acto no que Leticia Santos, Marta Freire e Anxo Angueira (presidente da Fundación Rosalía de Castro) plantan unha figueiriña, filla da figueira de Rosalía no Centro Cultural de Domaio que leva o seu nome a carón do busto da escritora.
Este acto simbólico vincula ao Concello de Moaña coa figura máis emblemática da nosa literatura, chea de valores como a defensa das persoas máis desfavorecidas, o feminismo, o ecoloxismo e, sobre todo, a posta en valor da identidade galega.
O acto contará coa música rosaliana do cantautor da Guarda Tino Baz, que desde Domaio interpreta varios temas do seu último disco dedicado a Rosalía. Tamén participarán os moañeses Sebastian Black & It´s Soul cunha versión electrónica do Negra Sombra.
Moaña será desde este ano Concello Mecenas da Casa de Rosalía para contribuír á divulgación do seu legado. Esta figura tamén permitirá ao alumnado moañés visitas gratuítas á Casa-Museo en Padrón.