Moaña alzará a bandeira 'agrocuir' na súa Festa da Diversidade con reivindicación e diversión

Publicidad

Moaña volverá a acoller, e será a sétima vez, a súa Festa da Diversidade, que este 2024 seguirá crecendo para erixirse como o faro da igualdade non só na comarca do Morrazo senón tamén en Galicia. “Queremos que sexa unha festa estupenda, inclusiva e diversa porque todos somos iguais e todos somos distintos”, explica a concelleira de Turismo, Promoción Económica e Cultural, Coral Ríos.

Con esta premisa, o Concello, en colaboración co Colectivo da Diversidade, celebrará esta festa o 31 de maio e o 1 de xuño. A primeira xornada estará pensada para actividades de carácter máis institucional, namentres que a segunda levará a programación cara o Espazo de Lecer do Beque.

Deste xeito, a primeira xornada, o venres 31 de maio, a programación comezará ás 12:00 horas cun obradoiro artístico a cargo de Sheela Tato nos Xardíns do Concello. Un dos actos centrais o protagonizará o alumnado do instituto da Paralia e As Barxas, que levarán tamén a igualdade LGTBIQ+ a espazos tan necesarios como é a adolescencia. Farán o seu desfile do Orgullo entre os dous centros educativos.

Ás 19:30 horas o coro do IES Paralaia interpretarán un tema para, a continuación proceder a lectura do manifesto a cargo de Bego Moure e Vanesa Chapela, a primeira parella homosexual de dúas mulleres que casaron en Moaña. A xornada a pecharán Pomba & Boato e Fernán Permuy, que interpretarán poesía con música de guitarra, e María Flatri que pechará o acto cun himno da diversidade.

O sábado 1 de xuño pasarase a un ambiente máis festivo que arrincará ás 10:30 horas cunha ruta de sendeirismo polo Sendeiro da Fraga. A partir das 12:30 horas comezará a sesión vermú no Beque con Las Antonias antes do Xantar popular de “Manta & Tupper”.

Ás 16:00 horas terán lugar as Rural Olimpiadas. “É algo moi chulo, con carreiras de sacos e tacones con sachos e ambiente moi agrocuir”, explica Ríos. Ás 17:00 horas comezará a Gala Drag Rural con Ángelica Venérea como mestra de cerimonias. Ás 19:30 horas terá lugar unha “Foliada Diversa” coas agrupacións Meiramar-Axóuxeres, Solaina e Tromentelo e ás 22:00 horas será o momento da música de Fransy, DAvide e Cibrán. A cita finalizará coa festa con More-Amore Djs a partir das 23:45 horas.

De xeito paralelo, pola tarde se programarán charlas de deporte inclusivo e sobre chemsex, unha perigosa práctica sexual moi estendida no sexo homosexuais, bisexuais e de homes que manteñen relacións sexuais con outros homes.

Salir de la versión móvil