Moaña quere compartir os seus tesouros ata agora máis segredos. Natureza, patrimonio e historia mestúranse á perfección no outono co regreso dunha nova temporada de “Descubre Moaña”, o programa de percorridos por algúns dos principais atractivos da vila morracense. Os itinerarios, que volven ser totalmente gratuítos, estarán guiados polos expertos da Asociación de A Illa dos Ratos.
O “Descubre Moaña” do outono comeza este 30 de setembro cun percorrido pola Intermareal de Tirán. As outras xoias que se poderán gozar nas vindeiras semanas serán a Torre de Meira (7 de outubro), a Poza da Moura en Domaio (22 de otubro), as Canteiras do Litoral de Moaña (28 de outubro), a Ruta Literaria de “O último barco” (29 de outubro), San Martiño (11 de novembro), a Historia das rúas de Moaña (19 de novembro) e Mulleres da historia de Moaña (26 de novembro).
Todos os percorridos desta edición do “Descubre Moaña” comezarán ás 10:30 horas e, como dicimos, serán todas totalmente de balde. O único requisito é inscribirse a través do número de WhatsApp que facilitan os membros da Asociación da Illa dos Ratos, que é o 611 080 853.
Rutas e datas
- 30 de setembro: Intermareal de Tirán ás 10:30
- 7 de outubro: A Torre de Meira ás 10:30
- 22 de outubro: A Poza da Moura de Domaio ás 10:30
- 28 de outubro: Canteiras do Litoral de Moaña ás 10:30
- 29 de outubro: Ruta Literaria "O último barco" ás 10:30
- 11 de novembro: San Martiño ás 10:30
- 19 de novembro: Historia das rúas de Moaña ás 10:30
- 26 de novembro: Mulleres da historia de Moaña ás 10:30
Intermareal de Tirán
Esta visita guiada, moi interactiva, está especialmente enfocada para toda a familia permitíndonos realizar un percorrido polas praias para coñecer a súa biodiversidade aproveitando para recoñecer bivalvos, crustáceos ou estrelas de mar.
A Torre de Meira
Despois das escavacións realizadas, comézase a desvelar parte dun pasado incerto que inclúe diversas destrucións nas que interviñeron os irmandiños ou o mesmo Pedro Madruga. Na ruta ademais de interpretar as descubertas que se fixeron na torre, os asistentes coñecerán tamén os petróglifos situado a poucos metros, e gozarán das vistas dende un dos mellores miradoiros de Moaña, razón da situación da torre neste lugar.
A Poza da Moura de Domaio
O roteiro partirá dende o Parque do Souto das Camelias. Alí a Asociación de Mulleres Poza da Moura encárgase do coidado de máis de 100 variedades diferentes de camelias. O camiño continúa subindo á beira do Río da Freixa que coa súa vexetación constitúe bo un exemplo do que sería un bosque de ribeira. O premio final será a fantástica Poza da Moura, que ademais agocha lendas e historias.
Canteiras do Litoral de Moaña
Ao longo do percorrido os asistentes descubrirán a historia que agochan as antigas canteiras do litoral de Moaña e que foron a orixe do crecemento económico e social da vila. Co paso do tempo e o desmantelamento das canteiras, eses novos espazos serviron de ubicación para novas actividades empresariais relacionadas co mar, como no caso do estaleiro ASCON ou de Conservas A Guía.
Ruta literaria "O último barco"
O turismo literario ocupa un papel fundamental nesta nova proposta de “Descubre Moaña”. Non é para menos. “O último barco”, o terceiro libro de Domingo Villar, é un éxito a nivel galego e nacional. Xente de tódalas partes ten curiosidade por visitar os escenarios da última aventura de Leo Caldas. Neste caso, os guías de A Illa dos Ratos levarán aos participantes por lugares fundamentais na novela como a Igrexa de San Xoán de Tirán, o Mirador da Moma ou o Marusía, o restaurante que namorou a Leo Caldas.
San Martiño
A visita apenas obrigará a camiñar, xa que os participantes percorren a contorna da igrexa. Os asistentes descubrirán a historia das casas e como apareceron aí e outros elementos propios dun dos barrios senlleiros do municipio. Desta vez, a ruta coincide coa celebración da festa de Moaña Antiqua, polo que amósase como un gran plan familiar no que aproveitar o día desfrutando da celebración.
Historia das rúas de Moaña
Os guías da Asociación A Illa dos Ratos tratarán de que os asistentes vexan o centro da vila con outros ollos. A partir da idea de que os nomes das nosas rúas son deses elementos que asumimos que existen desde sempre e non adoitamos pararnos a pensar no por que do seu nome, deseñaron un percorrido por algúns dos lugares máis salientables e curiosos do rueiro da vila no que se fará referencia a historia de figuras ilustres relacionadas coa política, co mar, coa emigración, coa nosa historia… que polos seus méritos fixéronse merecedores dunha rúa co seu nome.
Mulleres da historia de Moaña
A Illa dos Ratos organiza unha ruta para dar a coñecer e poñer en valor o papel da muller dentro do desenvolvemento da sociedad e a vila morracense de Moaña. Os asistentes coñecerán historias sobre figuras importantes como Lela Soage, Elisa de la Peña ou Lola Diz, que se mesturarán con alusións a colectivos como as peixeiras, as mariscadoras ou as carreiras.