Moaña recupera a súa Festa da Diversidade apostando este ano por unha celebración da liberdade “máis completa, diversa e comprometida”. Neste senso, o Goberno local programará os días 3 e 4 de xuño espectáculos e fantasías culturais que buscarán poñer no foco ás “realidades, amores e identidades diversas” a través das artes vivas. Mudará tamén de escenario, para pasar a celebrarse no centro da vila.
Nesta V edición buscarase visibilizar a artistas LGBTI da provincia con propostas “inspiradoras e comprometidas” que animen ao diálogo e a igualdade no espazo público. Así, a celebración comezará o venres 3 de xuño no Salón de Plenos coa proxección do filme A Noite Irisada, sobre a loita LGTBI en Galicia, finalista nos Premios Mestre Mateo. Un valioso relato, desde as cantigas medievais ata a actualidade, sobre o amor, o respecto e a memoria diversa que estará seguido por un faladoiro coa súa directora, Bea Vázquez.
O sábado 4 o Palco da Música -o novo emprazamento- acollerá unha programación diversa non só pola temática e polo elenco maioritario de artistas trans, senón tamén polos variados formatos artísticos. A partir das 19:00 horas, público de todas as idades poderá inspirarse cos Contos Invertidos de Nico Elsker; viaxar ao mundo de fantasía galega A Drag Pandeireteira de Meiga-i -un monólogo musical de mestura folk-; vivir un enerxizante serán electrónico e rebolar no concerto SUOR d’O Rabelo. A noite rematará cunha sesión DJ de ARIEZZZ e as súas performances.
O Concello de Moaña completa a programación coa exposición itinerante Mulleres Trans Ilustradas, un material didáctico cedido por ARELAS co fin de dar a coñecer os logros de mulleres trans referentes nos seus ámbitos. Ademais, o recinto contará cun Punto de atención á diversidade, información e prevención para facer unha festa máis segura fronte ás agresións.
O Concello “renova así a súa responsabilidade crear espazos de lecer en igualdade, plurais e democráticos, apoiando unha edición máis a diversidade de identidades e afectos”, explican dende o Goberno local. A vila busca transformarse nun lugar de visibilidade e convivencia en liberdade para toda a cidadanía a través da cultura diversa e o lecer “para todes”.