O Goberno municipal de Moaña vén expresar o seu recoñecemento e apoio a comunidade LGBT a través dun manifesto no que aposta porque o Concello desenvolva “accións e actividades en colaboración co propio colectivo, non só con motivo do Día do Orgullo mais ao longo de todo o ano”.
Moaña lembra que o confinamento imposto para frear a pandemia da COVID-19 “puido ter como consecuencia o empeoramento da situación de moitas persoas LGTB ao se veren, en moitos casos, obrigadas a regresar para a casa onde podían padecer a LGBTfobia familiar, e estar separadas da súa rede de apoio habitual e forzadas a se pecharen de novo no armario por medo ao rexeitamento e mesmo á violencia, física ou verbal”.
Neste sentido, o Concello vén visibilizando a liberdade sexual a través de diversas accións, como o pintado de dous bancos cos cores da bandeira LGBT e trans, amais de organizar a súa Festa da Diversidade. A terceira edición, aprazada por mor do coronavirus, tamén se celebrará este ano, aínda que terá que ser xa no mes de setembro, nomeadamente o día 26.
“Os dereitos das persoas LGTB son dereitos humanos e a diversidade sexual debe contemplarse como un dereito básico en calquera ámbito da vida”, reza o manifesto.
A pandemia do coronavirus impide este ano celebrar as marchas e manifestacións do Orgullo. Xustamente por esta mesma razón “é imperativo que sigamos a facer visibles os obstáculos e as discriminacións que continúan a asolar a vida das persoas LGTB e poñer ao seu dispor todas as ferramentas precisas para axudalas a superar, na medida do posíbel, as consecuencias da LGBTfobia”, explican.
Así, neste domingo 28 de xuño o Concello de Moaña quere reivindicar a necesidade de traballar contra calquera tipo de discriminación, nomeadamente homofobia e transfobia. Non en van, fai soamente 30 anos que a Organización Mundial da Saúde suprimiu a homosexualidade da súa listaxe de enfermidades mentais tras séculos de homofobia médica e discriminación.