Mos acolle unha gran degustación de cogomelos con nove receitas diferentes

Publicidad

Un ano máis, a parroquia de Mos celebra a chegada do outono cunhas xornadas micolóxicas que mesturan cultura, gastronomía e formación forestal ao longo de todo o mes de novembro. A iniciativa, que comezou este luns, 11 de novembro, terá a súa gran festa final o domingo 17 cunha degustación de nove pratos diferentes e un micomercado.

A Gran Degustación do domingo na contorna do Pazo de Mos comezará 12.00 horas e rematará ás 15.00 horas. Ademais, de 11.00 horas a 14.00 horas e de 17.00 horas a 20.00 horas estará aberta ao público no Pazo de Mos unha exposición e consulta sobre cogomelos. No apartado musical, as 12.30 horas haberá unha actuación do Grupo de Baile e Gaitas Ruada de Torroso e ás 18.00 horas, actuará o grupo Animar-T Animación que realizará o espectáculo de contacontos, A Casiña de Cartón.

Cinco restaurantes de Mos encargaranse de elaborar diferentes pratos, tanto doces como salgados, nos que os cogomelos serán un dos elementos principais da receita. A Adega da Tía Carmen elaborará croquetas de setas con castañas e empanada de trigo con setas e castañas, O Cruceiro ofrecerá setas salteadas con coello e fabas, tarta de queixo con prebe de setas e pudin de setas con froitas do bosque, o Bar Restaurante Curuxeira proporá fajitas recheas de setas e polo e tortilla de xamón e setas, a Casiña da Tía Albina fará filloas de champiñóns con gambas e, por último, a Tapería A Cova da Santa terá pizza mar e monte con salmón afumado e variado de setas. Cada tapa terá un custe de 3,5 euros e o viño ofrecerase a 1,5 euros. Estes pratos ofrécense ademais ao longo de todo o mes en cada un dos restaurantes.

Como cada ano nas Xornadas Micolóxicas de Mos, regresan as charlas e conferencias didácticas sobre micoloxía. Serán todas ás 20.30 horas no Pazo de Mos. O luns 11 de novembro Xosé Braulio Mondragón Abuín falará sobre o uso das nosas mediciñais (estudio sobre a flora forestal). O martes 12 de novembro Francisco Alonso Toucido, de Estela Arqueoloxía e Patrimonio, dará a conferencia titulada ‘Patrimonio e monte, oportunidades e xestión’. O mércores 13 Puri Lorenzo, bióloga especialista en micoloxía do Grupo Micolóxico Galego, ofrecerá a ponencia ‘Cogomelos tóxicos e intoxicacións’. O xoves 14 Hugo Fernández Rincón, falará sobre as Cantarelas e Trompetas nos montes galegos. E o venres 15 de novembro José Luis Tomé, da Federación Galega de Micoloxía, ofrecerá a charla ‘Cociñando cogomelos’.

Por último o sábado 16 de novembro de 10.00 horas a 13.30 horas realizarase a tradicional saída para a recollida e identificación de cogomelos guiada por dous monitores especializados. Para participar é necesaria inscrición previa no Pazo de Mos durante os días que se imparten as charlas sobre micoloxía. As prazas dispoñibles son limitadas.

As Xornadas son posibles grazas á colaboración de Concello e Comunidade de Montes de Mos, que as organizan conxuntamente, a participación e implicación dos hostaleiros e a subvención da Xunta de Galicia.

Salir de la versión móvil