Entre o 16 e o 22 de outubro, Mos celebrará a XIV edición das Xornadas Micolóxicas e Forestais, que contarán con charlas e conferencias, saídas divulgativas e, claro está, festa gastronómica.
Deste xeito, o “día grande” das Xornadas terá lugar o domingo, 22 de outubro, coa “Gran Degustación de Cogomelos”. A contorna do Pazo de Mos acollerá os postos dos sete restaurantes mosenses que participan e que ofrecerán diferentes pratos nos que se empregan estes fungos.
Os postos abrirán dende as 12:00 e até as 15:00 horas e ofrecerán croquetas de setas con castañas, empanada de trigo con setas e castañas, carne de caza maior estufada con setas, setas ao alliño salteados con gambas, setas ao alliño salteadas con bacon, torta de queixo con marmelada de setas, caldeirada de polbo con setas, brownie de chocolate con setas e noces, bica con crema de setas, pizza mar e monte de salmón afumado con variado de setas, queixo García Ulloa, xabaril con setas silvestres, fajitas recheas de setas e polo e setas con xamón ao alioli.
Xa na tarde, ás 17:00 horas celebrarase un obradoiro aberto a todos os que desexen participara para aprender como cultivar os cogomelos. Os máis pequenos contarán ás 18:00 horas co espectáculo infantil “Que chovan contos e cantigas” de Servando Barreiro e Anxo Moure.
Ademais, ao longo de toda a xornada haberá unha mostra para a consulta e identificación de cogomelos no interior do Pazo de Mos.
Saída ao monte e charlas micolóxicas
Durante toda a semana sucederanse as charlas e conferencias sobre micoloxía e o monte comunal. O luns, 16 de outubro, Rafael Quintía impartirá a conferencia “Recursos turísticos e Culturais do Monte (Parque da Penacova)” e Xurxo Constenla será o encargado da conferencia “A Citonía Arqueoloxía”.
O martes, 17 de outubro, terá lugar a charla sobre a a vespa velutina, ou vespa asiática, impartida por Esther Ordóñez, veterinaria da Agrupación Apícola Galega.
Pola súa parte, o mércores 18 será a quenda da “Introdución ao mundo dos cogomelos”, a cargo de Hugo Fernández, Biólogo, especialista en micoloxía.
Puri Lorenzo, bióloga e especialista en micoloxía, permitiranos mellorar “Identificando champiñóns”, namentres que o venres, día 20, os asistentes poderán desfrutar dunha charla sobre a cociña con cogomelos impartida por José Luis Tomé, da Federación Galega de Micoloxía.
Todas as conferencias terán lugar no Pazo de Mos e comezarán ás 20:30 horas.
Porén, hai quen di que para coñecer algo é mellor velo no seu entorno natural. Por isto, o sábado 21 de outubro, de 10.00 a 13.30 horas, realizarase unha saída didáctica para a recollida e identificación de cogomelos, que contará co acompañamento de dous monitores especializados. Para participar na mesma requírese inscrición previa no Pazo de Mos nos días nos que se celebran as diferentes charlas.