Música, arte e deporte para rexenerar os montes de Vigo

Publicidad
Un voluntario en los incendios de octubre de 2017 // Fabio Alonso

A Mancomunidade de Montes de Vigo quere “tomar medidas para que nunca máis volva a ocorrer” un conxunto de incendios como os do pasado 15 de outubro de 2017, que arrasaron miles de hectáreas e nos que se rexistraron catro vítimas mortais.

Co cabodano da traxedia en mente, os organizadores están a celebrar diferentes actividades na cidade que rematarán nun festival solidario no Auditorio Mar de Vigo, tal e como adiantou o pasado mes de xullo.

O programa de actividades, presentado esta mañá por Uxío González, presidente da Macomunidade de Montes de Vigo, e Gregorio Álvarez, vicepresidente da mesma. Este mesmo sábado, 6 de outubro, as inmediacións do MARCO convertiranse nun museo ao aire libre coa mostra de “Arte en vivo, arte no queimado” a cargo de escultores e pintores de Galicia e Norte de Portugal. En plena rúa, poderase sentir en primeira persoa como os artistas percibiron o impacto da vaga de lumes a través das súas creacións que teñen como base as árbores mortas.

Xa o 14 de outubro chegará unha xornada dedicada ao deporte co V Trail Montes de Vigo e máis a I Andaina pola rexeneración dos montes de Vigo. Para fomentar a participación do maior número de persoas, a andaina contará cun percorrido sinxelo e maioritariamente en terreo chan a través de 7,9 quilómetros. O recadado destinarase ao proxecto de creación dun anel verde na contorna da cidade. O proceso de inscrición xa está aberto e a cidadanía viguesa pode apuntarse a través do blog da mancomunidade.

Porén, unha das citas máis multitudinarias chegará o domingo 21 de outubro ás 20:00 horas, cando o Auditorio Mar de Vigo acolla a celebración do I Festival Solidario pola rexeneración dos montes de Vigo, coa participación de grupos musicais das parroquias afectadas: Banda de Gaitas Xarabal, B.U.M. de Valladares, Cordas Novas C.R.A de Coruxo e Os Ventos de Comesaña. A cita, prevista inicialmente para o sábado 20, trasladase ao domingo

Finalizarase o programa de actos cunhas xornadas técnicas para abordar "Redeseñando os montes periurbanos", que terán lugar no Centro Cultural de Valladares o 10 de novembro e cunhas xornadas divulgativas "Froitos do noso monte - V edición" a celebrar na Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva Nautilus o 15 de novembro.

Durante o outono e o inverno está previsto continuar coas plantacións nos montes queimados, na que están convidados os centros educativos e aquelas entidades que teñan a ben participar no programa de patrocinios aberto. Nestes momentos, froito da acción do outono e inverno pasado, nos viveiros que Montes de Vigo habilitou para o efecto xa hai un importante número de árbores autóctonos preparados para a súa plantación.

Salir de la versión móvil