Tui organiza este venres, 26 de xaneiro, un evento que promete facer vibrar ao público que se achegue até o Teatro Municipal. Sobre o escenario tudense, a partir das 20:30 horas, os músicos Carlos Núñez, Ano Lorenzo e Anxo Pintos preparan un repertorio único e emotivo para homenaxear ao artesán e mestre gaiteiro, Antón Corral.
Durante dúas horas o concerto brindará unha homenaxe no que tamén participarán formacións vinculadas a Corral coma a banda de gaitas Xarabal de Vigo, ou os grupos tudenses Arume de Malvas, Lembranzas da Terra de Guillarei e Santa Columba de Ribadelouro. O fío condutor da gala serán unha serie de elementos que irán aparecendo no escenario a través dos cales se contará a historia do mestre artesán. O propio Antón Corral intervirá nesta gala, na que non faltarán sorpresas, e que promete ser un evento único e irrepetible.
As entradas poderán retirarse de balde dende ás 20:00 horas no despacho de billetes da Área Panorámica, cun máximo de dúas por persoa, até esgotar as localidades dispoñibles.
Corral, na actualidade retirado na cidade fronteiriza que agora acolle o seu homenaxe, deixou unha pegada única na historia musical de Galicia e no eido da experimentación instrumental da música tradicional Galega.
O mestre artesán chegou ao mundo da música case por casualidade. "Na miña familia non había músicos nin artesáns. Aprendín o meu oficio de maneira totalmente autodidacta porque me gustaba facer palletas e frautas", asegura esta figura sobranceira da nosa cultura musical. Porén, tras diversos problemas de saúde, decidiu abrir un obradoiro na súa casa. Dende entón, a sua zona non fixo máis que aumentar.
Paralelamente, en 1984 nace baixo a súa dirección, a banda de gaitas Xarabal, coma unha actividade máis do "Obradoiro Escola de Instrumentos Musicais Populares Galegos" da Universidade Popular de Vigo, coa intención, non só de potenciar e expandir a música popular galega, senón de realizar un traballo serio sobre a técnica de gaita e percusión, procurando forxar futuros profesionais que coñeceran e dominasen o instrumento.