Moaña quere que gocemos ao máximo dos seus encantos. Primeiro foi lanzando hai uns anos a proposta de “Descubre Moaña”, o programa de rutas guiadas e gratuítas que acaba de estrear estes días nova tempada. Agora, o concello morracense vai un paso máis aló co nacemento de “Paisaxe sonora”, unha proposta na que participará o gaiteiro Xavier Blanco e que permitirá aos participantes desta opción de ocio desfrutar da natureza e da música de raíz, esa música que xorde do que moitos chaman “instrumentos pobres” como cunchas ou das canas.
Estes “roteiros musicados” por Moaña son unha viaxe ás nosas orixes, a aquelas xornadas en plena natureza na que os nosos maiores creaban un instrumento simplemente dunha cana do campo. Todas esas experiencias seguen aí, ante nós, e poderanse desfrutar de novo a través dos cinco percorridos que forman parte de “Paisaxe sonora”, que teñen como obxectivo sensibilizar á poboación sobre a importancia da protección do patrimonio musical e natural, ademais de destacar a riqueza natural, cultural e humana da vila morracense.
“Paisaxe sonora” está composto por cinco “roteiros musicados” que levarán aos participantes a un espazo diferente de Moaña ao mes. O programa comeza o vindeiro 2 de abril con “Rialdarca: As dúas Moañas” e proseguirá con “Meira: Val dos regatos” (21 de maio), “Tirán: A costa animada” (25 de xuño), “O río da Fraga: O río grande” (30 de xullo) e “A Fontiña: Vixiando o mar” (26 de agosto). Cada un destes “roteiros musicados” terá lugar de 09:30 a 13:30 horas. Son gratuítos, pero será necesaria inscrición previa a través do WhatsApp 622 832 227. O número de prazas está limitado a 40 persoas.
En cada un dos percorridos recrearanse diferentes sons tradicionais aproveitando a natureza, a arquitectura e a etnografía do territorio. Estes roteiros caracterízanse polo emprego intencionado que fai o artesán Xavier Blanco cos elementos da contorna unindo natureza, cultura e música dende o respecto e a sostenibilidade ecolóxica, creando deste xeito espazos en calma.
Paisaxe sonora: cinco roteiros musicados
- Rialdarca: As dúas Moañas - 2 de abril
- Meira: Val dos regatos - 21 de maio
- Tirán: A costa animada - 25 de xuño
- O río da Fraga: O río grande - 30 de xullo
- A Fontiña: Vixiando o mar - 26 de agosto