A Asociación Cultural VaiMillor, coa colaboración do Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra a través de Pontegal, ofrece este sábado na Praza do Concello Encontr-Arte, a I Mostra e Divulgación de Oficios Tradicionais. Así, haberá obradoiros e manualidades relacionados coa canteiría, pintura, cestería, calceta, madeira e cerámica. Ás 17:00 horas está programado un contacontos, ás 18:00 horas unha charla de cestería, de 18:00 a 20:00 horas haberá xogos populares e durante todo o día non faltarán os talleres infantís.
Paralelamente, na Praza do Concello está instalada dende hoxe venres e ata o 30 de setembro a mostra '20 anos a Fondo coa solidariedade', do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que o alcalde de Nigrán, Juan A.González, preside. O obxectivo da exposición, deseñada polo ilustrador Pepe Carreiro, é dar a coñecer a contribución de deputacións e concellos á erradicación das desigualdades Norte-Sur, ao tempo que se fomenta unha opinión pública favorable á cooperación para o desenvolvemento. Para isto, os paneis que compoñen a mostra dan un repaso pola orixe do Fondo Galego e os proxectos apoiados ao longo destas dúas décadas en países empobrecidos, así como as actividades de sensibilización acometidas en Galicia, entre outros contidos. O Fondo Galego de Cooperación.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 90 concellos e as deputacións provinciais de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.