O Auditorio do Concello de Nigrán acolle mañá xoves, 14 de decembro, ás 19:00 horas unha xornada sobre o Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) organizada polo Concello de Nigrán, a Fundación Menela e Grupo Oes Ves do Centro de Saúde do Val Miñor.
As actividades engloban unha charla-coloquio e a proxección de tres curtas que abordan este trastorno: 'El viaje de María', curta de animación do debuxante Miguel Gallardo, pai dunha nena con autismo; 'El cazo de Lorenzo', baseado no conto de Isabelle Carrier e que explica dunha forma sinxela e directa por que as persoas somos todas diferentes; e 'Por cuatro esquinitas de nada', montaxe audiovisual baseada no conto de Jérôme Ruillier que ensina valores como a solidariedade, a busca de solucións, a aceptación, a integración e o traballo en equipo.
Ademais da proxección destas curtas, terá lugar unha charla-coloquio a cargo de Berta Meijide Rico e Ana María Rodríguez Díaz, ambas profesionais con máis de 30 anos de experiencia que exercen como profesoras de Educación Especial no Centro Educativo Menela (fundación sen ánimo de lucro para a axuda de persoas con este trastorno).