O Estourazo marcará este sábado o inicio das festas do Cristo de Salceda, que se prolongarán até o luns, día 16, festivo local. Este ano, o discurso inicial estará marcado polo baby boom que vive o municipio, que unido á chegada de nova poboación fíxoo pasar de pouco máis de 6.000 habitantes nos 2000 aos máis de 9.000 rexistrados no pasado ano. Salceda leva estado á cabeza tanto no que se refire á maior taxa de natalidade como á menor idade media dos municipios de Galicia.
O Estourazo, que terá lugar ás 22:00 horas, correrá a cargo de Inés Curro, creadora de proxectos como “O Coliño Bailongo”, que se ten convertido xa en referencia en Galicia e España como método para favorecer un bo embarazo e un parto máis fácil.
Tralo inicio oficial das festas, a verbena nocturna chegará cunha dobre cita, da man da orquestra Nazaret e da actuación do grupo Treixadura, grupo de música tradicional e cantigas.
Logo de vinte e oito anos de traxectoria, despois de sorprender en 1990 cos seus primeiros espectáculos musicais, o grupo foi madurando e facéndose un nome propio na escena tradicional galega. Agora, coa publicación do seu novo disco “Inda canto”, aposta por reinventarse e seguir andando camiños musicais, sempre a carón da tradición. A música arrancará ás 23:00 horas.
O domingo, a programación da festa comezará coa proclamación, ás 11:45 horas, dos “salcedenses distinguidos e distinguidas”, que este ano serán Jose Rodríguez Martínez, Juan Soto Fontaíña e Elva Lemos Márquez. Na noite, a verbena correrá a cargo das orquestras Pasarela e Canela.
Por último, o día grande, luns 16 de xullo, a festa virará cara os máis pequenos, protagonistas do Estourazo do venres. Ás 20:00 horas comezará o contacontos “A historia de Brancaflor”, recomendado para nenos e nenas de entre catro e nove anos.
Seguiralle o espectáculo de “O Coliño Bailongo” ás 21:00 horas e a clase de zumba aberta ás 21:30 horas.
As festas do Cristo 2018 de Salceda de Caselas rematarán de verbeneo coas orquestras Saudade e Kubo. Esta última, formada por rostros coñecidos do mundo das verbenas como Dani Lamas ou o mosense Antonio Barros. A agrupación ofrece un espectáculo innovador cun escenario de 11 metros no que promete, ante todo, espectáculo.