O Entroido de Salceda viaxará ós anos 70 “revivindo” á mítica Orquestra Sur

Publicidad

Salceda deu inicio á conta atrás a un dos Entroidos máis sobranceiros da provincia. “36 km2 que combinan todas as tradicións de Galicia”, nas verbas do seu alcalde, Marcos Besada. Este pequeno municipio mestura tradición e modernidade, máscaras históricas e comparsas modernas en cinco días de troula total.

Dúas son as citas máis espectaculares do entroido salcedense, de obrigada visita na nosa contorna. O domingo, 3 de marzo, celébrase o habitual desfile de comparsas na que máis de 13 agrupacións percorren as rúas do centro urbano lucindo as cores e luces dos seu espectacular vestiario. Porén, ese desfile multitudinario (17:00 horas) conta dende o ano pasado cunha cita paralela cargada de historia.

Concello e Asociación Cultural de A Feira puxeron o ano pasado a “pica” da recuperación da parte máis ancestral e tradicional do Entroido do municipio, que o iguala co triangulo máxico de Ourense.

A festa arrancará ás 12:30 horas na Praza do Concello cos Ranchos de Entruido acompañados dos cabaleiros, que este ano aumentarán até ser catro. Posteriormente trasladaranse até o Parque Raíña Aragonta onde tamén se celebrará a segunda “Borrallada dos mamarracho”. Neste caso, os mamarrachos tirarán borraia aos asistentes que non vaian disfrazados.

Como novidade presentouse este ano o “Baile anos 70” que terá lugar ás 22:00 na Praza do Concello e que contará coa “Orquestra Sur”, unha proposta da Escola de Música de Salceda que recuperou a histórica formación existente en Salceda ata a década dos 70 e coa que bailaron moitos e moitas salcedenses durante anos. A modo de homenaxe a aquela histórica agrupación esta proposta devolverá aos asistentes aos anos 70, polo que se pide que as persoas asistentes acudan tamén con vestimentas acordes coa época.

Xa o luns é o martes chegará o momento do mítico enfrontamento entre os barrios de A Feira e Castro Barreiro. Unha cita inédita en Galicia que se celebra dende 1881 e que chega ao seu éxtase o martes de Entroido coa presentación das comparsas de cada barrio, nas que traballan dende o Nadal unhas 120 persoas por barrio. Un día antes, o luns, a verbena prolongarase até moi entrada a madrugada nunha cita “moi divertida para a xuventude; iso si, se vai disfrazada”, apuntou a concelleira de Cultura, Tere Pérez.


Pode interesarche: A Feira e Castro Barreiro elixen Game of Thrones e as redes sociais na súa loita de Entroido


Na presentación da programación participou esta mañá o alcalde de Salceda, Marcos Besada, a concelleira de Cultura, Tere Pérez, e os representantes dos barrios de A Feira, Martín Acuña e Abel Pérez, e de Castro Barreiro, Lucía González e Sergio Rodríguez.

A programación municipal arrancará oficialmente o venres, 1 de marzo, co desfile dos cativos que agrupa aos 1.200 nenos e nenas dos diferentes centros educativos da vila, dende infantil até a secundaria.

 

PROGRAMACIÓN:

Venres, 1
Desfile de entroido dos centros escolares polas rúas da vila
– E. I. Xoaniña
– E. I. A Galiña Azul
– CRA Raíña Aragonta
– CEP Altamira
– IES Pedras Rubias
11:00 Saída de Altamira

Aula aberta de danzas do mundo con Mercedes Prieto
19:00 Praza do Concello

Sábado, 2
Festa infantil de disfraces
16:30 Parque R. Aragonta

O Coliño Bailongo
16:30 Parque Raíña Aragonta

Banda Cultural de Salceda con Paco Lodeiro
19:00 Auditorio Municipal

Domingo, 3
Rancho de Entroido da Feira acompañado dos cabaleiros
12:30 Praza do Concello

Desfile dos cabaleiros
13:00 polas rúas da vila

Rancho de Entroido da Feira e II borrallada dos mamarrachos
13:30 Parque Aragonta

XXI Desfile de carrozas e comparsas
17:00 Saída da Devesa

XI Concurso de coplas de Entroido
19:00 Praza do Concello

Os Espantarratos
21:00 Praza do Concello

Baile “anos 70” coa ORQUESTRA SUR
Disfrázate da época!!
22:00 Praza do Concello

Luns, 4 e martes, 5
Centenario enfrontamento entre A Feira e Castro Barreiro, con verbenas nos dous barrios e coa presentación das súas carrozas e comparsas o martes ás 17:00 na Praza do Concello e ás 19:00 no cruceiro de Fontedapedra

Salir de la versión móvil