O Entroido segue a coller forma: o “Venres de Foliada” será o 21 de febreiro

Publicidad

Os grandes eventos do Entroido van collendo forma. Ademais do Enterro da Lamprea en Salvaterra, Tomiño xa anuncia a data e publica as bases para participar no desfile de comparsas “Venres de Foliada 2020”. A cita terá lugar o venres 21 de febreiro e o prazo de inscrición para formar parte do primeiro gran evento do Entroido será ata o 4 de febreiro.

Tomiño xa dispón dun “plan b” en caso de choiva na xornada do venres 21 de febreiro. En caso de precipitacións, a cita pasará de celebrarse o día 21 ás 21:30 horas ao 28 de febreiro á mesma hora.

As inscricións deberán presentarse a través da sede electrónica do Concello de Tomiño (premer aquí). A documentación requirida para a inscrición é o certificado de titularidade da conta da persoa representante ou da comparsa; póliza do seguro de responsabilidade civil e xustificante de pagamento do seguro de responsabilidade civil.

A participación no “Venres de Foliada 2020” está aberta a todas as asociacións veciñais, culturais, xuvenís, grupos, colexios e outros colectivos que presenten comparsa ou grupo, tendo preferencia, coma vén sendo habitual, as comparsas ou grupos de Tomiño. As formacións deberán estar compostas por un mínimo de 15 compoñentes. O número máximo de comparsas inscritas será de 20.

As carrozas participantes no desfile non poderán exceder as dimensións, sen contar a cabeza do tractor, de 8 metros de longo, 3,50 metros de ancho e 4,50 metros de alto. O Concello de Tomiño destaca que non serán admitidas as comparsas con cabalos.

A compensación económica para as comparsas participantes será de 100 euros para as formacións de 15 a 30 compoñentes e sen carroza; as comparsas de 31 a 45 compoñentes e sen carroza levarán 150 euros; as comparsas de 46 ou máis compoñentes e sen carroza obterán 200 euros; as comparsas de 15 a 40 compoñentes levarán 200 euros; as formacións de 41 a 60 compoñentes e con carroza terán 300 euros; as comparsas de 61 a 80 compoñentes e con carroza obterán 400 euros; e as comparsas de 81 ou máis compoñentes e con carroza gañarán 500 euros. As bases completas do “Venres de Foliada 2020” poden consultarse na web municipal do Concello de Tomiño(premer aquí).

Salir de la versión móvil