Continúa a programación especial do Alivio en Tomiño. Este martes a Praza do Seixo acollerá o concerto de Smithsonian, un dúo musical de recente creación que namorará a todos os amantes da música. Con Paula Smith como voz principal e Denis Carballás na guitarra e coros, o grupo traerá ao público o máis selecto do seu repertorio, formado na súa gran maioría por versións de distintos estilos musicais, dende pop rock ata os clásicos dos anos 80, pasando por rock alternativo, pero sempre cun toque propio.
O publico poderá desfrutar deste concerto na Praza do Seixo a partir das 19:00 horas e con todas as medidas de prevención necesarias para garantir a saúde de todos e todas. Como toda a programación do Alivio, trátase dun espectáculo de balde pero para o que é necesario reservar entrada previamente chamando ao 986 622 001 ou enviando un correo electrónico a cultura@tomino.gal.