O Festival de Cans comeza este martes con música, charlas, homenaxes e moitas proxeccións

Publicidad

A XX edición do Festival de Cans arranca este martes cunha intensa programación de cinco días de cine, música e homenaxes a persoeiros do mundo do cine e aos veciños da aldea de Cans que "fan posible co seu traballo e dedicación unha das citas senlleiras do audiovisual galego cada ano". Na vixésima edición do festival haberá sección competitivas marcadas polas estreas de curtametraxes, a presenza dunha destacada directora, Valérie Massadian, no apartado Foco Internacional, diversos coloquios e actividades paralelas e máis de 25 actuacións musicais con grupos como Los Punsetes, Fillas de Cassandra, Mr. Kilombo ou The Limboos´.

O festival tivo unha previa o pasado fin de semana coa proxección de dúas longametraxes de Valérie Massadian, a presentación do novo proxecto musical de Eladio Santos, Ronsel, a a inauguración de “Collage#Catástrofe”, a exposición de collages do escritor Diego Giráldez. Todas as actividades contaron cunha boa acollida por parte do público, asistiron máis de 200 persoas, o que fai pensar que "imos ter unha das mellores edicións do evento, despois duns anos nos que a pandemia impediu celebrar con total normalidade o certame", destacan dende a organización. Outra das novidades a destacar é a volta dos rapaces de institutos e colexios. A organización agarda que pasen máis de 500 rapaces polas sesión matinais do Festival de Cans.

A xornada de este martes ábrese ás 10:00 horas coa inauguración da Rúa Efémera do festival que este ano está dedicada ao dramaturgo e cineasta pioneiro do Grupo Lupa, Roberto Vidal Bolaño. A pequena praza que existe diante da Casa Parroquial de Cans, pasará a denominarse por uns días “Praza de Roberto Vidal Bolaño”, á beira de outros nomes de rúas en Cans como Chano Piñeiro, Pilar Pereira ou María Casares.

A homenaxe a Vidal Bolaño completarase cun coloquio que terá lugar ás 12:00 horas no Baixo de Carlos, coa presenza de Laura Ponte, Roi Vidal, Antonio Mourelos e Isabel Blanco. Pola tarde comezarán as proxeccións ás 16:30 horas, co documental “Quererla es crearla”, dirixido pola chilena Cecilia Barriga e que será presentado pola produtora do filme, a porriñesa Sandra Fernández Carrera. A entrada é libre ata completar o aforo do Centro Cultural Municipal. Neste mesmo espazo terá lugar ás 18:30 horas o encontro de realizadores de videoclips e ás 20:30 horas, un interesante coloquio co xornalista musical Xavier Valiño, con imaxes arredor dos mellores documentais da historia do rock.

Noite Lasal e venda de entradas

Pola noite, a partir das 22:00, terá lugar a Noite Lasal na Praza do Concello coa proxección dos 19 videoclips musicais que compiten por seren recoñecidos como a mellor peza galega do ano. Entre eles estarán obras de Xaime Miranda, Toño Chouza, Alba Domínguez, Adrían Canoura ou Aldara Pagán, e grupos emerxentes como De Ninghures, Mondra ou Mel, xunto con outros veteranos como Ruxe-Ruxe ou Xabier Díaz. A primeira noite do festival culminará cun concerto de Zeltia Irevire, previsto para as 23:30 horas.

A venda de entradas online para as actividades de pago do festival quedará pechada este martes ás 13:00. Dende ese momento as entradas so poderán mercarse no posto de merchandising do evento. Xa están esgotados os pases para as sesións de proxeccións da tarde e quedan moi poucas para as matinais e para o concerto do chileno Nano Stern no Invernadoiro.

Programación para este martes

Salir de la versión móvil