Vigo converterase na capital da cultura cinematográfica coa celebración dunha nova edición do Festival Primavera do Cine, que acollerá a proxección de medio centenar de filmes e a realización de varios obradoiros gratuítos para todas as franxas de idade. A undécima entrega do certame cinematográfico decano da cidade terá lugar entre os días 13 e 18 de setembro nos lugares habituais: O Auditorio do Concello de Vigo, a sede viguesa do Instituto Camões e o Museo MARCO.
Este ano as longametraxes, os videoclips e as curtas están aglutinadas nas seccións "Eu tamén navegar", "Há mais futuro que passado", "Mistura de centeo", "O rexurdir da terra asoballada" e "Ondas do mar de Vigo".
Así, este ano proxectaranse filmes de cineastas como María Ruido, Eloy Domínguez Serén, Xisela Franco, Diana Toucedo, Lucía Estévez, Carla Andrade, Guillermo de Oliveira, Brandán Cerviño, Adriana Páramo, Iago Seoane, Rebeca Lar, Paula Barreiro, Xoán Fernández, Manuel Lógar, David Varela, Pablo Vázquez, Paula Cermeño, Cláudia Varejão, Gustavo Vinagre, Leonardo Martinelli, Rudá Cordaro e Nina Kopko.
Ademais, por segundo ano consecutivo haberá unha sección infantil conformada por catro curtametraxes de animación que será coidadosamente escrutada por un xurado conformado por Xoana Silva, de 9 anos, Noa Lago, de 8, e Breixo Silva, de 11 anos. Dende a organización explican que "a incorporación ao festival dun xurado infantil como fórmula para a creación de novos públicos resulta moi enriquecedora dada a responsabilidade que senten os seus membros, que debaten e analizan cada curta con todo detalle".
No que respecta ao xurado internacional deste ano, encargado de outorgar o premio á mellor longametraxe e o premio á mellor dirección de longametraxe galega, estará integrado pola cineasta e xestora cultural Aldara Pagán, o escritor e doutor en belas artes Álex Mene, e a tradutora, historiadora e filóloga lisboeta Sofia Henrique.
Dúas celebracións culminarán esta undécima edición do festival, a homenaxe á actriz galega María Casares polo centenario do seu nacemento, que incluirá a proxección do filme "Orfeo" dirixido por Jean Cocteau, e a entrega da mención honorífica que será desvelada os vindeiros días.
En declaracións da directora desta edición, Ana Gontad, "esta undécima edición do Primavera do Cine volve poñer de manifesto a boa forma do talento galego e lusófono; estou segura de que alén do formato (longas, curtas ou videoclips) cada asistente atopará un deses filmes que permanecen, que fará seu".
Obradoiros
Como cada ano, son varias as actividades divulgativas e formativas que completarán o programa para afondar nesa experiencia de inmersión compartida que é un festival cinematográfico. O obradoiro de introdución ao guión cinematográfico impartido polo cineasta vigués Fon Cortizo o sábado 17 ás 11:00 horas así como a clase maxistral que Verónica Fonterosa facilitará sobre cinema, sociedade e feminismo o xoves 15 ás 18:00 horas, estarán dirixidos tanto a estudantes como persoas afeccionadas ao cinema.
Por outra banda, o obradoiro de cinema expandido coordinado por Cris Lores o domingo 18 ás 17:00 horas e o Paper Cinético dirixido por Belén Veleiro, que terá lugar o sábado 17 ás 17:30 horas, farán gozar da maxia do celuloide e do precinema a toda a familia.
A prazas das actividades son limitadas e o acceso é gratuíto, polo que é preciso inscribirse previamente enviando un correo electrónico a dirección info@primaveradocine.com.
Os prezos
Co obxectivo de continuar sendo accesible a toda a cidadanía, os prezos non varían. Por unha banda, o acceso ás funcións de longametraxes terá un custo de 4 euros; por outra banda, as sesións de curtas e videoclips terán un prezo de 3 euros; os obradoiros, a cerimonia de clausura e as proxeccións realizadas no Instituto Camões serán de entrada gratuíta.