O Morrasound Rock Fest está de volta. Despois dun ano en branco por mor da pandemia, a Asociación Cultural Fontenla retoma un dos festivais máis icónicos e auténticos das Rías Baixas co regreso da edición deste ano 2021 que, aínda adaptada á lóxica normativa sanitaria, promete facernos albiscar o regreso da música en directo en formato festivaleiro con dúas xornadas de rock, funk, blues e moito amor polos concertos.
Tras explorar diversas opcións, a organización do festival opta así por evitar a cancelación da edición 2021 e ofrecer dous días de concertos en directo. Mantéñense as datas previstas, 2 e 3 de xullo. A xornada inaugural comezará a tarde do venres 2 de xullo e, como gran novidade, contará cun escenario no parque de Samertolameu de Meira, a carón do centro de Moaña. Nesta localización, á beira da Ría, programarase unha actuación infantil gratuíta do mítico pallaso do Morrasound, Peter Punk, e o seu compañeiro Brais das Hortas. Pola noite o público adulto poderá desfrutar de dous concertos dos grupos galegos Enxeito, coa súa mestura de funk e rap, e Zålomon Grass, que co seu blues cósmico e desbordante chegan para sacarnos da apatía e o entumecimento destes tempos tan estraños. O custe da entrada será de cinco euros. Esta deslocalización, explican dende a organización, permitirá achegar o evento ao centro da localidade.
O día seguinte, o sábado 3 de xullo, a música regresará ao habitual e espectacular escenario, o Mirador da Fontenla, en Domaio, da man do grupo madrileño Los Enemigos, Immaculate Fools e BALA, ademais das portuguesas Anarchicks e The Broke. Os espectáculos Hell Brothers de Circompakto e Circo de Lume de Asacocirco completarán o cartel deste día. Á súa vez, ofertaranse obradoiros e actividades para os máis pequenos. A entrada para o sábado terá un prezo de 22 euros. Poderase mercar un abono para ambos días por 25 euros.
Os abonos e entradas sairán á venda o luns 31 ás 11:11 horas a través da páxina web do festival e da plataforma EnterTicket.
Ante a situación sociosanitaria, o público desfrutará dos concertos en cadeiras pre-asignadas, respectando as distancias de seguridade. No caso do Mirador da Fontenla, o espazo estará dividido en parcelas, de ata seis cadeiras por cada unha, ata completar un aforo de 900 persoas. Ademais, non estará permitida a acampada, como o resto de anos.
Dende a organización afirman que este novo formato permitirá desfrutar dun ciclo de actuacións musicais e de artes escénicas en directo nun ambiente tranquilo e seguro. Tras pospoñer a súa edición de 2020 para o 2021, apostan por esta alternativa co obxectivo de reactivar o sector cultural, que tanto leva sufrido dende o inicio da pandemia.