O mundo de Roald Dahl chega a Tui coa representación de "Aguratrat"

Publicidad

O Teatro Municipal de Tui mantén a programación “Volvemos ao teatro en novembro” reducindo a partir de mañá sábado a capacidade a 30 espectadores tendo en conta as novas medidas restritivas establecidas pola Xunta, publicadas no DOG Nº 223-Bis, que entrarán en vigor ás 00:00 horas deste sábado 7 de novembro.

Hoxe venres, 6 de novembro, ás 19:30 horas Teatro do Atlántico presenta no Teatro Municipal de Tui “Dúas donas que bailan”. Hoxe a capacidade será aínda de 60 espectadores, con protocolo de prevención da covid19 e todas as medidas de seguridade. As entradas están á venda na web tui.gal aos prezos de 6€ e 5€. Baixo a dirección de Xúlio Lago as actrices María Barcala e María Ángeles Iglesias interpretan a derradeira peza dramática de Josep Mª Benet i Jornet.

Unha muller maior, viúva, soña con viaxar a París, pero négase a abandoar o piso pese a presión dos seus fillos e do propietario. A filla contrata a unha muller para as tarefas domésticas, presenza que non é ben recibida e cada xornada convértese nun “toma e daca” que evoluciona a cada instante.

Mañá sábado o aforo está xa limitado a 30 persoas ao entrar en vigor as novas medidas establecidas pola Xunta para Tui. A cita será ás 18:30 horas con Pérez&Fernández e a obra para público familiar “Aguratrat”. Trátase dunha adaptación ao teatro do libro "Esio Trot" de Roald Dahl. A obra está dirixida por Victoria Pérez e Xosé Leis e intepretada por Victoria Pérez, Manu Fernández, Xosé Leis. Aguratrat achéganos á historia do señor Hoppy, que está namorado da súa veciña, a señora Silver. Axudala a solucionar a súa preocupación pola súa tartagura Alfie, que nin crece nin aumenta de peso, poderá ser un xeito de conquistar o seu corazón.
As entradas 4€ e 3€ están á venda en tui.gal até mañá sábado ás 17.30 h e dende ás 17.30 h no despacho de billetes.

Salir de la versión móvil