O FICBUEU 2023 homenaxeará na súa 16ª edición a figura do realizador holandés Joris Ivens, un dos máis grandes documentalistas do cinema mundial de todos os tempos. O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se celebrará entre o 8 e o 23 de setembro, dedicaralle unha monografía a Ivens –o CadernoFICBUEU#4– e a súa «Sección Retrospectiva», coa proxección de catro das súas curtametraxes máis representativas.
O autor do CadernoFICBUEU#4 dedicado a Ivens e programador do certame, Severiano Casalderrey, explica que "no festival buscamos dar a coñecer obras importantes do mundo das curtas e este ano escollimos a Ivens porque é un dos pioneiros do cinema documental e unha figura clave na historia". O FICBUEU "aposta polo cinema de autor e as novas tendencias, e tamén pola divulgación cultural e cinematográfica", destacan dende a organización. De aí a publicación dos cadernos e a inclusión da «Sección Retrospectiva» na súa programación.
Documentou os cambios e as crises do século XX
Ivens (Nimega, 1898-París, 1989) foi testemuña coa súa cámara dos máis importantes cambios sociais, crises, guerras e revolucións do século XX. A súa filmografía abarca máis de medio centenar de películas, rodadas durante seis décadas: dende a súa primeira curtametraxe, o western "A frecha ardente", que fixo co seu pai cando só tiña 13 anos, ata a última, "Unha historia de vento", sobre China e que filmou pouco antes da súa morte.
A publicación, titulada "A expansión do documental a través das curtametraxes de Joris Ivens (1898 – 1989)", presentarase no Centro Social do Mar de Bueu o sábado 16, ás 11:30 horas, e estará á venda na páxina web do FICBUEU e durante o certame. Nela dedícanse catro capítulos a subliñar outras tantas facetas do director holandés.
A primeira é a de "cineasta poético", influenciado polas vangardas artísticas de principios do século pasado. Desa época data a curta que abrirá a proxección da "Sección Retrospectiva", que terá lugar o domingo 17, ás 18:00 horas. Trátase de "Regen", de 1929, unha exploración abstracta, experimental e lírica dos efectos da chuvia nunha cidade moderna coma Ámsterdam.
Crítico e comprometido
Outro dos aspectos que se abordarán nesta aproximación a Ivens é a súa vertente activista. O cineasta, de ideoloxía comunista desde que nos anos 30 vivira un tempo na Unión Soviética, achegou unha mirada comprometida na historia do documental, sempre desde o punto de vista dos pobos en loita contra a opresión do sistema.
De feito, a conciencia social foi o motor permanente da súa vida –sirva de exemplo que uns días antes de morrer participou en París, aos 91 anos, nunha multitudinaria protesta contra as masacres da Praza de Tiananmen– e tamén da súa produción audiovisual. "A súa militancia está moi reflectida nas súas obras –apunta Severiano Casalderrey– e sempre atopamos algún elemento crítico nas súas películas". A que se verá no certame é Borinage (1933), curta sobre as folgas mineiras en Bélxica, na que Ivens denunciou a miseria e a explotación proletaria.
O holandés errante
O público do FICBUEU tamén poderá descubrir a faceta aventureira e viaxeira deste director, "unha persoa inqueda, sempre de aquí para aló", que rodou nunha vintena de países dos cinco continentes, e que se representa na terceira peza incluida na proxección, "Indonesia Calling" (1947). Con esta película Ivens apoiou aos independentistas deste país asiático cando aínda era unha colonia holandesa. "Foi repudiado polo seu propio país durante vinte anos por este documental, e iso acrecentou o concepto que se tiña del de holandés errante", sinala Casalderrey.
A última faceta que explorará o FICBUEU da figura de Ivens é a máis xornalística: a de cronista de guerra. O realizador holandés filmou case todas: a Guerra Civil Española (no documental "Terra de España", de 1937, coa voz narradora de Ernest Hemingway e a colaboración de Orson Welles), a Segunda Guerra Mundial, a Revolución Cubana ou a Guerra do Vietnam, escenario de "Le ciel, la terre", que rodou en 1966 e pecha a «Sección Retrospectiva» do Festival. "As súas imaxes dos principais conflitos son un retrato do pasado século arredor do mundo", resume Casalderrey de Joris Ivens, quen asentou sempre o seu traballo na importancia da función social do cinema, así como na honestidade, a liberdade ideolóxica e a busca da verdade como condicións esenciais do documentalista.