O Revenidas anuncia cartel por días con Ska-P, Zoo, Desakato, Ana Tijoux e Fillas de Cassandra

Directo de Zoo durante o Revenidas 2022 // Foto de Christian Pérez

Publicidad

O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán do xoves 7 ao domingo 10 de setembro, ven de desvelar o cartel dos catro días ao tempo que saca á venda as entradas soltas para cada unha das xornadas do festival.

O Revenidas comezará o xoves 7 de setembro coa presenza dun dos grandes nomes de referencia da nova escena latinoamericana como é Ana Tijoux, con Desakato, que ofrecerán en Vilaxoán o seu derradeiro concerto antes de despedirse como banda o 11 de novembro, a combativa activista feminista arxentina Sara Hebe, a gañadora do concurso Sonmidos Mans HYDN, o festivo colectivo madrileño de cumbia-punk, rap e electrónica Tremenda Jauría, The Skarnivals, Arrythmia e A Duendeneta, aos que hai que sumar un nome que se desvelará nas vindeiras semanas.

A segunda xornada do festival, ao venres 8, reunirá aos valencianos Zoo, a gran revelación da música galega deste 2023, Fillas de Cassandra, aos tamén valencianos e igual de comprometidos Los Chikos del Maíz, o principal expoñente da música electrónica en euskera, Zetak; o novo grupo de Evaristo Calvo, Tropa do Carallo; Sheila Patricia, La Regadera, Rebeliom do Inframundo e A Duendeneta.

O sábado 9 de setembro o Revenidas recibe a Ska-P, que ofrecerán en Vilaxoán o seu único concerto en Galicia deste ano. Ese mesmo día terá lugar o concerto especial do XX Aniversario de Dakidarría, con feixe de artistas convidados e que será gravado para se converter no primeiro disco en directo da banda do Val Miñor. Completan o cartel do sábado o músico asturiano Rodrigo Cuevas, Heredeiros da Crus, Lamatumbá, Nativa, Kiza, O Rabelo, Familia Caamagno, Mondra, The Rapants, Kris K Dj, Me Fritos and the Gimme Cheetos, A Duendeneta e unha banda que se anunciará en breve.

A xornada do domingo 10, na que se celebrará a tradicional sardiñada popular e a Gala de Circo Solidaria contará no musical coas actuacións de Uxía Lambona e a Banda Molona, La Yaya Dj e Xosé Lois Romero e Aliboria, que serán os encargados de pechar o Revenidas 2023.

Panteón Rococó un dos artistas por confirmar

En vindeiros días a organización do Revenidas dará a coñecer as dúas bandas que completan o cartel, así como tamén todas as actividades paralelas aos concertos e os artistas que formarán parte da Gala de Circo, pero unha delas xa está filtrada. O 'streamer' e cantante do grupo Arrhythmia, Alberto Busto, descubría a pasada semana, coa saída do cartel case completo, que o grupo mexicano Panteón Rococó será un dos artistas que próximamente anunciará de xeito oficial o festival. 

Entradas por día

A partir de hoxe xa están a venda a través da web do Revenidas as entradas soltas para cada xornada. O prezo da entrada do xoves é de 30 euros, para o venres de 35 euros  e para o sábado tamén de 35 euros, todas elas sen gastos de xestión incluídos. As entradas por días teñenu cupo limitado polo que é aconsellable mercalas coa maior anterioridade posible.

Todas as actuacións da xornada do domingo son de balde e con entrada libre. Mentres, o prezo do abono actualizarase a partir de este venres e pasará dos 57 euros actuáis a 62 euros máis gastos de xestión.

Tamén a partir de hoxe, os mozos e mozas que dispoñan de Carné Xove da Consellería de Política Social e Xuventude poderán beneficiarse dun 15% de desconto á hora de comprar o abono utilizando o código "CARNEXOVEFESTIVAIS", oferta válida para os primeiros 200 abonos. As persoas que accedan a este desconto deberán presentar o seu carné no acceso ao festival.

Nova zona de acampada

O elevado ritmo de venda de abonos do festival levou aos organizadores do Revenidas a habilitar unha segunda zona de acampada para poder dar acollida con comodidade a todos os asistentes que o desexen. O prezo por persoa é de cinco euros e pode adquirirse tanto co abono como coas entradas por días.

Cartel por días do Revenidas

Salir de la versión móvil