O Rosal quere despedir o ano por todo o alto: catro actividades para todos os públicos coas que desfrutar de tempo de lecer en familia antes de despedir o 2020. Música, contos e visita dobre do Apalpador e a Apalpadora forman parte desta programación con actividades de balde coas que se aposta pola cultura segura, xa que se celebran tomando todas as medidas de prevención acordes á situación epidemiolóxica actual, como aforo reducido, distancias de seguridade e o uso obrigatorio de máscara.
A primeira actividade da última semana do ano será a visita da Apalpadora de Iseo a Moura, que ven comprobar se as barrigas das nenas e nenos rosaleiros están cheas de boa comida. Será este luns 28 de decembro a partir das 17:00 horas na Praza do Calvario.
O martes 29 de decembro as rúas do Calvario encheranse a partir das 18:00 horas coa alegría e a música de Latexo Percusión. Un espectáculo de animación único que combina o visual da danza cos arranxos musicais baseados na batucada brasileira cos que transportarse a lugares do mundo nos que a ledicia, o ritmo e o movemento son parte da vida cotiá.
O día 30 de decembro será a quenda dos ‘Catro monos’ de A Tropa de Trapo, teatro para toda a familia na Praza do Calvario tecido a través de contos con música e historias que teñen moito que dicir, cun trasfondo social e cunha vertente pedagóxica moi coidada. ‘Catro monos’ conta a historia dun símbolo nacido hai moitos anos no Lonxano Oriente que viña do poder para reprimir ao pobo, os Tres Monos Sabios: un mono non oía o que pasaba ao seu redor, outro non quería ver o que tiña diante e o último calaba a boca para non dicir o que pensaba. A Tropa de Trapo dálle a volta ao conto para que os seus monos escoiten, vexan e falen, pensen, actúen e sexan catro. Ás 17:00 horas.
O ano rematará cunha nova visita do Apalpador, nesta ocasión da man da Deputación de Pontevedra. O encontro cos nenos e nenas do Rosal será o xoves 31 de decembro ás 17:00 horas na Praza do Calvario.
Todas estas iniciativas teñen como obxectivo ademais de ofertar unha ampla programación de Nadal segura e de dinamizar as rúas do Rosal, fomentando a presenza da veciñanza nelas e potenciando o comercio local.