O teatro “asalta” a programación cultural de outono de Tomiño

Publicidad

Un programa de actividades transversal e integrador dirixido a todos os públicos. Así define Tomiño a programación cultural, deportiva e lúdica que ten prevista para os vindeiros meses e que vén de recoller en papel na xa tradicional Axenda de Outono. Un programa trimestral no que se aglutinan todas as actividades de cultura, mocidade, deporte, voluntariado e transfronteirizas “dun xeito cómodo e planificado, informando debidamente á veciñanza e garantindo que todas as actividades son un éxito”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

A nova edición da Axenda de Outono recolle as preto de 30 actividades que se levarán a cabo entre outubro, novembro e decembro, rematando coa programación preparada para o Nadal. Así, a programación trimestral arrancará esta mesma fin de semana coa obra de teatro “#Camiños”, de Butaca Zero e, a vindeira semana, con dous cursos dirixidos á mocidade sobre cociña vegana e danzas urbanas, cursos para os que xa está aberto o prazo de inscrición.

A partir de aí comezará unha intensa lista de actividades entre as que destaca a programación teatral, con oito obras para toda a familia e outras seis dirixidas a público adulto. Neste último caso, programarase un amplo abano de obras no auditorio de Goián: o 19 de outubro Contraproducións representará “Commedia” no auditorio de Goián; o 2 de novembro Chévere chegará con “Anatomía dunha serea”; o 9 de novembro Artesacía presentará a “Chola, a It Girl”; o 16 de novembro Destexeito Producións estará con “Loló e mamá” e o 24 de novembro Redrum Producións escenificará “Invisibles”.

O público infantil poderá desfrutar o 13 e o 27 de outubro de Baobab Teatro e de Roque e os seus contos no Mercado Municipal de Tomiño; o 3 de novembro dos “Contos do recreo” de Redrum Teatro; o 17 de novembro de Xarope Tulú e as súas “Nómades”; o 28 de decembro dos “Contos do animalario” de Daboapipa; o 29 de decembro das pompas de xabón de de “Os fabulosos Cleaners” de Malasombra Producións e o 4 de xaneiro co último panda do planeta, “Mai-Mai”, de Baobab Teatro.

A programación complétase cunha vintena de actividades e concertos, entre os que destacan os que ofrecerá Agrupación Musical de Goián en honra de Santa Icía (23 de novembro) e por Nadal (22 de decembro), os da Coral Polifónica de Tomiño (13 de outubro e 15 de decembro) ou o Festival de Nadal Virxe de Alivio.

Pola súa banda, o Mercado Municipal de Tomiño acollerá en outubro unha exposición da Asociación de Cultivos do Baixo Miño e dende Voluntariado levaranse a cabo dúas actividades: a creación dun vídeo sobre a realidade das mulleres no rural e unha xornada de retirada de plantas invasoras.

Os amantes do deporte teñen dúas citas este trimestre. Por un lado, o vindeiro 27 de outubro a Eurocidade Cerveira-Tomiño celebra o remate do seu programa Deporte para todas as persoas cunha xornada de actividades no Parque de Lazer do Castelinho, en Vila Nova de Cerveira, e o 22 de decembro terá lugar unha nova edición da Carreira de Nadal.

E, como cada ano, Tomiño contará cunha programación especial de Nadal que comezará o 15 de decembro co concerto da Coral Polifónica e rematará coa tradicional Cabalgata de Reis o 5 de xaneiro. Entrementres, 20 días de música, actividades deportivas, contacontos, teatro, obradoiros, inchables e moito máis pensados para que toda a familia poida desfrutar destas datas.

Salir de la versión móvil