En setembro de 2017 o goberno do Estado Unidos retirou a todo o seu persoal non esencial da súa embaixada en Cuba. Denunciaban un “ataque sónico” que provocaba mareos, vertixes ou confusión aos traballadores. Este mes de xaneiro as probas concluíron que ese “ataque sónico” non era outra cousa que o zoar duns grilos. Este será o punto de partida para “Gryllidae” un proxecto musical no que se reproduce a música destes ortópteros.
Falamos de música cando nos referimos ao canto dos grilos? Tentarán respostar á pregunta o vindeiro xoves 21 de marzo, ás 19:00 horas, Mateo Mena e Ramón Souto, director artístico de Vertixe Sonora Ensemble, cun concerto diante do Marco.
Os grilos toman a rúa do Príncipe dentro do programa CreaVigo´19. Baixo o alcume de Buzz e con transdutores electroacústicos modificados, Mateo Mena e Ramón Souto reproducen as músicas de estrutura regular e notable complexidade destes insectos descritos por primeira vez no ano 1973 por Thomas J. Walker: duración, repetición, intensidade, estabilidade e oscilación. Contan coa colaboración do biólogo José María Sánchez Fernández da UVigo, do Obradoiro de Severino García Seijo e de Blanca Viñas.
A través do IGAS (Instituto Galego de Sonoloxía), Vertixe Sonora desenvolve proxectos de experimentación sonora na intersección de arte, ciencia e tecnoloxía e promociona colaboracións internacionais que aúnan arte e novos medios participando activamente nun desenvolvemento sostible, racional e significativo de tecnoloxías de futuro.