Galicia é música, pero tamén gastronomía. Non se pode entender un festival en Galicia sen petiscos e boa comida e, por iso, o Festival SonRías Baixas repite un ano máis as súas actividades paralelas e gratuitas nas que ofrecerá unha combinación de espectáculo, música e receitas cos produtos únicos da zona.
A falta duns días para que se presente oficialmente a edición deste ano, hoxe descubrimos que nas paralelas estarán, como mestres de cerimonia, os Poetarras, que na súa primeira aparición pública tras anunciar a súa disolución como banda musical, visitarán a Casa SonRías como invitados na cociña de El Rincón de Cela e Ipeansa Catering. Alí serán os encargados de preparar un Rodaballo guisado e Anguriñas ao allo con gambón, que despois se repartirán entre os asistentes a prezos "moi axustados". Na ambientación musical, Guerrera, Hexany, The Soul Breakers e Wöyza, coa súa particular mestura de hip hop e sonoridades “negras”.
Segundo apuntan dende o propio festival, búscase "completar o variado menú de propostas musicais cunha degustación exclusiva e orixinal dos excelentes produtos de mar da zona da man dos músicos máis senlleiros do panorama galego".
Xunto aos Poetarras, recoñecidos polos seus sketches nos que a sorna é o ingrediente básico, estará unha das voces máis puras, cheas de esencia do hip hop e soul norteamericano, a viguesa Wöyza. Despois dun primeiro album concebido como unha ponte entre culturas, o seu segundo traballo, Pelea, amosa a súa evolución artística e persoal centrándose na autosuperación, a independencia ou a sensualidade. Nesta oferta gratuita do SonRías estará tamén Guerrera, unha banda galega que parte do blues experimental e a psicodelia dos 70 para aniquilar conceptos como o stoner ou o post-hardcore, alcanzando novas sonoridades cunha marcada personalidade propia.
Tamén aderezarán coa súa música os pratos elaborados polos Poetarras os integrantes da banda coruñesa Hexany, caracterizada polo seu rock alternativo recén saído do forno. Pola súa parte, os pontevedreses The Soul Breakers achegrán o seu swing, funk e rhythm & blues de selo galego.
O SonRías aposta polo audiovisual
O SonRías Baixas incorpora tamén, un ano máis, outras disciplinas como o audiovisual, froito dunha colaboración co FICBUEU e a través da cal se poderán visionar seis curtametraxes de temática musical o mesmo sábado pola tarde no Centro Social do Mar de Bueu. A entrada será libre e gratuíta e os títulos son os seguintes:
- Freddie (Andy Bausch. Luxemburgo, 2016) combina elementos biográficos e expermientais para retratar a dobre vida do excepcional Freddie Mercury
- Cigarbox blues (Christopher Kaufmann. Alemania, 2017) é a historia de dúas guitarras, tres acordes e o comezo dunha amizade.
- Estribillo (César Tormo. España, 2016). Ás veces, os fillos non cumpren as expectativas paternas. Outras veces, supéranas.
- Superpunky, el musical (Pablo Cacheda. España, 2016). Ao longo da vida, a amizade (e os gustos musicais) evolucionan. Ou non.
- Jarama (Alberto Pla. España, 2017) Boikot produce esta historia sobre a relación entre a música e a memoria histórica.
- Zarpazo (Nerea Castro. España, 2016) Mar e Xara atópanse nun monte remoto, todo está preparado para dar o salto á clandestinidade.