O concello de Ponteareas súmase este ano á iniciativa de festas sen ruídos dentro das celebracións dos Remedios e de San Miguel. Deste xeito, o goberno municipal di “solidarizarse coas persoas con diversidade funcional” promovendo horarios se música nin megafonía .
Co obxectivo de “favorecer a inclusión de persoas con autismo, síndrome de Asperxer e síndrome de Down” as atraccións abrirán ás 17:00 horas sen música e megafonía. A iniciativa “sen ruídos” prolongarase durante dúas horas, até ás 19:00. Porén, esta proposta soamente se activará os domingos 8 e 29 de setembro e non durante todas as festas.
Nestes horarios tampouco se poderán empregar fogos de artificio así como calquera tipo de actividade que “ prexudique ou desfavoreza o uso e desfrute das atraccións e actividades das festas ás persoas con sensibilidade ao son”.
Programación das festas
A programación das festas de setembro de Ponteareas arrancarán da man dos humoristas Federico Pérez e Marcos Pereiro “Os Tristes” que actuarán na praza Maior o venres día 6 ás 21:30 horas para dar paso logo a música das orquestras.
A ruada dos xigantes e cabezudos acompañados de música tradicional espertará o ambiente festivo no centro urbano o venres 6 ás 12:30 horas.
A Feira tradicional dos Remedios será o sábado 7 no que tamén se celebrará o XXXII Festival Folclórico e os globos de San Miguel volverán despegar dende a praza Bugallal o domingo 29. As orquestras non faltarán nos días das festividades e será la Fórmula a que pechará as festas o luns 30 na praza Maior.